O OnePlus 13s xa é oficial, de momento na India, e chega como unha versión lixeiramente distinta do OnePlus 13T, co que comparte case todo… agás un detalle importante: unha batería algo menor, pero aínda así bastante significativa para o seu tamaño. Con este modelo, OnePlus segue apostando por ofrecer especificacións de gama alta nun corpo compacto que non sacrifica autonomía nin rendemento.
Aínda que o OnePlus 13T integraba unha batería de 6.260 mAh, o 13s opta por 5.850 mAh, unha cifra igualmente alta, especialmente se temos en conta que estamos ante un móbil de só 6,32 polgadas. A isto hai que sumarlle carga rápida SuperVOOC de 80W, aínda que non conta con carga sen fíos.
O OnePlus 13s destaca tamén polo seu deseño, con corpo de vidro e aluminio, e unha estética plana e elegante. Ademais, o seu conxunto de especificacións, están pensadas para competir con algúns dos principais modelos da competencia.
A pantalla é un panel AMOLED LTPO de 6,32“, con resolución 1.5K, e taxa de refresco adaptativa ata 120 Hz. No seu interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite, xunto con 12 GB de RAM e opcións de 256 ou 512 GB de almacenamento.

En canto á fotografía, a cámara principal é un sensor de 50 MP con estabilización óptica (OIS), acompañado dun segundo sensor teleobxectivo de 50 MP con zoom óptico 2x. Ademais ten unha cámara frontal de 32 MP para selfies e videochamadas de calidade.
Tamén integra lector de pegada en pantalla, dobre SIM, altavoces estéreo, sensor IR, e certificación IP65 contra po e auga. Vén con Android 15 e OxygenOS 15 preinstalado, e OnePlus comprométese a 4 anos de actualizacións do sistema operativo e 6 anos de parches de seguridade, algo cada vez máis valorado polas usuarias que queren durabilidade e confianza.
Dispoñibilidade e prezo do OnePlus 13s
O OnePlus 13s está dispoñíbel en tres acabados: Black Velvet, Pink Satin e Green Silk, esta última exclusiva para o mercado indio. En canto aos prezos, parte duns 640 euros ao cambio, polo que só queda agardar a ver como queda o cambio oficial.