Mentres a súa competencia, especialmente Amazon co seu proxecto Kuiper, non acaba de avanzar, a revolución de Starlink continúa. Agora, a compañía de Elon Musk anunciou detalles sobre a versión 3 dos seus satélites, que levará a conectividade a Internet vía satélite a un nivel completamente novo. Con melloras en velocidade, latencia e tamaño, estes novos satélites marcarán un antes e un despois no acceso a Internet, especialmente en zonas remotas onde as opcións tradicionais son limitadas.
Satélites máis grandes, máis rápidos e con menor latencia
O avance máis significativo de Starlink nesta nova versión radica no tamaño dos satélites. Os futuros satélites de Starlink serán tan grandes como un Boeing 737, pesando arredor de 2 toneladas. Con esta escala, poderá ofrecer unha velocidade de descarga de até 1 Tbps, dez veces superior á versión actual, e unha velocidade de subida de até 160 Gbps, o que significa un incremento de até 24 veces na capacidade actual de transmisión.
A latencia, outro dos puntos clave para mellorar a experiencia das usuarias, tamén será notablemente máis baixa. Elon Musk confirmou que, coa versión 3, a latencia reducirase a menos de 20 ms, achegándose á velocidade de conexión que se experimenta coas conexións de fibra óptica tradicionais. Para as usuarias que xogan online ou realizan videochamadas habitualmente, isto será unha mellora moi apreciada, xa que se eliminarán os retardo e as interrupcións típicas das conexións actuais.
Outro aspecto destacado dos satélites V3 de Starlink é a súa nova órbita baixa, situada nuns 350 quilómetros da Terra, en lugar dos actuais 550 quilómetros. Esta redución da altitude permite que os satélites transmitan os datos cun 40% máis de velocidade que a fibra óptica, o que contribúe a mellorar aínda máis a latencia e a rapidez na transmisión do sinal.
Ademais, a baixa altitude contribuirá a que os satélites poidan cubrir áreas máis específicas, mellorando a conectividade en lugares máis concretos e levando Internet de alta velocidade a zonas que até agora non tiveron acceso a este tipo de servizo.
Expansión da constelación de Starlink
Coa nova versión dos seus satélites, Starlink plantéxase duplicar a cantidade de satélites lanzados por cada voo, o que lles permitirá lanzar 5.000 satélites ao ano. Isto significará unha expansión masiva da súa rede, aumentando significativamente a cobertura e a calidade do servizo. A compañía ten previsto comezar a lanzar estes satélites a partir de finais de 2025 ou comezos de 2026, cos primeiros lanzamentos programados nun prazo de entre seis e nove meses.
Esta innovación non só mellorará a conexión a Internet en áreas rurais e remotas, senón que tamén pode ser un gran paso cara á evolución das telecomunicacións globais, brindando unha alternativa viábel ás conexións por fibra óptica e permitindo que máis persoas no mundo accedan a unha conectividade fiábel e rápida.