Redmi Pad 2 Series: a nova xeración de tablets Xiaomi para gozar do entretemento sen límites

Xiaomi anunciou estes días a nova Redmi Pad 2 Series, composta pola Redmi Pad 2 e a súa versión Redmi Pad 2 4G. Trátase de dúas tablets que chegan co obxectivo principal de democratizar o entretemento de calidade, con especificacións -case- premium, deseño elegante e un prezo accesíbel.

A experiencia visual é unha das grandes apostas da Redmi Pad 2. Para iso, conta cunha pantalla de 11 polgadas e resolución 2.5K (274 ppi), e unha taxa de refresco AdaptativeSync de até 90 Hz. Isto convértea nun dispositivo interesante para ver series, xogar ou navegar con comodidade. Ademais, a experiencia multimedia complétase con catro altofalantes con Dolby Atmos e audio Hi-Res, que transforma cada escena nunha experiencia audiovisual envolvente.

E para as máis preocupadas pola saúde visual, Xiaomi certifica esta pantalla con TÜV Rheinland, garantindo menor emisión de luz azul e ausencia de parpadeo, co obxectivo de protexer os ollos durante un uso prolongado.

Outras características chave

No seu interior, a Redmi Pad 2 monta un procesador MediaTek Helio G100-Ultra, ideal para tarefas multimedia, navegación ou videoxogos lixeiros. Complementando este rendemento está unha batería de 9.000 mAh, perfecta para longas xornadas de uso sen preocuparse pola carga.

Quen precise conectividade en calquera lugar ten ao seu dispór a versión 4G, que inclúe dobre SIM e soporte para redes móbiles, ideal para viaxes ou traballo en mobilidade.

En canto ao sistema operativo, vén con Xiaomi HyperOS 2, que destaca pola integración con outros dispositivos Xiaomi. Entre as súas funcións destaca a sincronización de chamadas (podemos atendelas sen tocar o móbil); sincronización de rede (conecta ao Internet do móbil cun só toque) ou portapapeis compartido (facilitando a experiencia de copiar – colar). Con estas funcións, a Redmi Pad 2 Series convértese nunha extensión natural do ecosistema Xiaomi, mellorando a produtividade diaria.

Accesorios intelixentes

Xiaomi completa a experiencia da Redmi Pad 2 Series con dous accesorios especialmente pensados para traballar con ela.

Por unha banda temos o lapis Redmi Smart Pen, que conta cunha latencia mínima e só 10g de forza de activación, ideal para escribir ou debuxar como se fose en papel. E pola outra a funda protectora intelixente, que ofrece protección 360º, activación automática e soporte axustable para ver contido sen mans.

Dispoñibilidade e prezo

As novas tablets de Redmi Pad 2 Series xa están dispoñíbeis para mercar no noso país, en gris grafito ou verde menta.

A versión estándar, a Redmi Pad 2, custa 199,99 € con 4 + 128 GB e 249,99 € na versión de 8 + 256 GB. Pola súa banda, a alternativa con conectividade 4G custa 249,99 € ou 299,99 €, segundo as capacidades elixidas (4+128 GB ou 8 + 256 GB).

Sobre o autor

Reply