O mellor mapa para saber se tes cobertura de fibra ou móbil 5G: fiable, oficial e a nivel de parcela catastral

Nun momento no que as grandes operadoras presumen de coberturas de fibra e 5G que superan o 90 % da poboación, a realidade para moitas usuarias é ben distinta. A cobertura anunciada -especialmente cando falamos de móbil – adoita basearse en criterios pouco esixentes, como considerar un concello enteiramente cuberto só porque hai conexión nunha rúa. Isto xera unha sensación xeneralizada de desconfianza e frustración cando, ao querer contratar un servizo, a conexión non chega ou non cumpre as expectativas.

Porén, tamén acontece o caso contrario: persoas que cren non ter cobertura na súa zona, cando en realidade si a teñen grazas a despregamentos realizados por operadoras locais, que adoitan ofrecer só o seu propio servizo, ou por operadores neutros como Rede Aberta, que teñen acordos con múltiples compañías. Aínda que o seu catálogo inclúe marcas menos coñecidas, estas redes permiten acceso a fibra de calidade en zonas onde as grandes marcas non chegan.

Un mapa baseado en datos oficiais e coa precisión da parcela catastral

Para facer fronte a esa dificultade e aclarar dúbidas, os mapas de cobertura de fibra e móbil do Ministerio para a Transformación Dixital e Función Pública convértense nunhas ferramentas esenciais, que permiten consultar a cobertura real e concreta dunha zona determinada, diferenciando por tecnoloxías (fixas ou móbiles). Un recurso clave para poder tomar decisións informadas sobre que contratar e con quen.

A grande vantaxe destes mapas é a súa precisión xeográfica, xa que se elabora a partir de datos xeorreferenciados a nivel de parcela catastral, no caso da fibra. Isto significa que non se limita a indicar se un municipio ten cobertura, senón que mostra se unha rúa ou mesmo unha casa concreta está conectada. Esta granularidade permite identificar con exactitude que zonas están realmente cubertas e cales non, corrixindo así a imaxe maquillada que moitas veces ofrecen as operadoras.

Ademais, os datos proceden directamente dos operadores titulares de rede, que están obrigados a enviar información actualizada e precisa ao Goberno. Isto garante un nivel de transparencia e homoxeneidade metodolóxica que non atopamos noutras fontes, convertendo o mapa nunha das ferramentas máis fiables dispoñibles para saber que opcións reais de conexión temos en cada lugar.

Quen ofrece fibra óptica na miña casa?

Un dos usos máis valiosos do mapa oficial é saber que operadores teñen fibra óptica despregada nunha zona concreta. Dada a complexidade dos acordos entre compañías e a compartición de redes FTTH, este mapa permite descartar de forma inmediata os operadores que non teñen infraestrutura ou acordo na zona, aforrando tempo e frustración.

Isto cobra importancia na Galiza rural, onde en moitas ocasións son pequenas operadoras as que ofrecen o servizo. Ademais, hai que ter en conta que ás veces é necesario facer unha análise máis profunda das compañías que aparecen como provedoras da rede. Por exemplo:

  • Telefónica. Aparece no mapa como Telefónica, pero tamén como Bluevía, a compañía propia na que ten externalizada boa parte da súa rede. Ofrece servizo baixo as marcas de Movistar e O2, aínda que tamén fornece servizo á meirande parte das operadoras mediante a súa rede NEBA.
  • MásOrange. Podemos atopala con este nome, e tamén como R, xa que a compañía -fusión de Orange e MásMóvil ofrece servizo a marcas como Orange, Jazztel, Simyo, Yoito, Pepephone, R e Euskaltel, entre outras.
  • Vodafone. Ademais de dar servizos ás súas marcas Vodafone e Lowi (neste caso cos plans máis vantaxosos, Fibra Fit), tamén é provedor de servizo de Finetwork.
  • Digi. A operadora que máis crece do Estado tamén ofrece servizo directo con prezos máis vantaxosos aló onde chega coa súa cobertura propia.

A maiores atopámonos con operadores neutros, como Rede Aberta, Onivia, Elanta ou EXCOM, que dan servizo a moitas marcas locais. Como curiosidade, Bluevía -a compañía de fibra de Telefónica- está chegando a moitos acordos con pequenos operadores en Galiza, como Bittel ou iteGal ou ITS.

Mapa de cobertura móbil

Por outra banda temos un mapa de cobertura móbil, que nos ofrece información moi aproximada da cobertura máxima que podemos disfrutar, igualmente por cada operador. Isto permite ver con datos que moitas veces o 5G que temos non é o 5G real (SA), senón o ofrecido a 700 MHz, que ten moita cobertura pero tamén unha velocidade menor.

De feito, os últimos datos de cobertura -decembro de 2024- apuntan que o 5G chega ao 80% da poboación de núcleos rurais, se ben a cobertura 5G SA é do 12% e o 5G a 1 Gbps do 23,2%.

En termos do 5G máis avanzado, Movistar leva vantaxe en número de antenas con 5G a 1 Gbps, mentres que Vodafone está algo por detrás no despregamento. A batalla está máis axustada entre Movistar e MasOrange, dependendo da zona concreta.

Acceso aos mapas

Se estás pensando en cambiar de compañía, contratar fibra ou comprobar que tipo de 5G tes dispoñíbel na túa zona, estes mapas son as mellores opcións para comezar. A continuación deixamos os enlaces para que os poidas consultar

Mapas | Mapa fibra e sen fíos | Mapa móbil 5G e 4G

Sobre o autor

One Response

  1. nsj 22 Xuño, 2025 Responder

Reply