Huawei vén de presentar a súa nova serie de smartphones Pura 80, composta polo Pura 80, Pura 80 Pro, Pura 80 Pro+ e Pura 80 Ultra. Estes novos modelos veñen coas melloras tecnolóxicas que a compañía estaba buscando para facer fronte á súa situación actual no mercado, despois dos vetos impostos polo goberno estadounidense que a relegaron a comercializar os seus dispositivos só en asia.
A firma chinesa continuou evolucionando os seus trebellos, destacando especialmente en áreas como a independencia tecnolóxica cun sistema operativo propio que evoluciona a pasos de xigante, e un sistema de cámaras diferencial que coloca os Huawei Pura 80 na primeira liña de batalla.
Pantallas OLED de alta calidade
A serie Pura 80 chega con pantallas OLED de gran calidade, coas mesmas características en todos os modelos, agás no tamaño. O Pura 80 conta cunha pantalla de 6,6 polgadas (2760 x 1256 píxeles), mentres que os Pura 80 Pro, Pura 80 Pro+ e Pura 80 Ultra aumentan ata as 6,8 polgadas (2848 x 1276 píxeles). Estas pantallas son LTPO de 120 Hz, o que garante unha experiencia de visualización fluída, acompañada de PWM de 1440 Hz para unha mellor xestión da frecuencia de actualización e menor fatiga ocular.
Con 10.7 mil millóns de cores e unha resolución de até 2848 x 1276 píxeles, as pantallas dos novos modelos de Huawei ofrecen imaxes nítidas e cores vibrantes, facendo que sexan ideais tanto para o consumo de contidos multimédia como para o xogo.

Procesador propio e sistema fotográfico innovador
Huawei mantén o uso dos seus propios chips Kirin, nesta ocasión presumiblemente a nova serie Kirin 9020, que promete un rendemento destacado en todos os aspectos, se ben a compañía non revelou detalles completos sobre o chip. A súa integración nas series Pura 80 debería ofrecer un rendemento áxil e eficiente tanto para tarefas diarias coma para xogos e edición de contidos pesados.
Os dispositivos están equipados con 12 GB de RAM nos dous modelos base e até 16 GB nos dous modelos máis avanzados como o Pura 80 Pro+ e Pura 80 Ultra, o que os coloca na vangarda en termos de multitarea e xestión de aplicacións.
Pero como era de agardar, un dos maiores atractivos dos Huawei Pura 80 é o seu sistema de cámaras fotográficas, que destaca pola súa innovación. O Pura 80 conta cunha cámara principal de 50 MP con apertura f/1.4–4.0 e OIS, acompañada dun telefoto de 12 MP e un ultra gran angular de 13 MP. Pola súa banda, os modelos Pro e Pro+ ofrecen melloras significativas no apartado fotográfico, cun sensor principal de 1 polgada e capacidades avanzadas en telefoto (48 MP no Pro e 50 MP no Ultra) e ultra gran angular de 40 MP.
Unha das características máis destacadas do modelo Ultra é o doble telefoto intercambiable, que permite alternar entre distancias focais ópticas de 3,7x e 9,4x, un avance notable respecto aos modelos anteriores e que mellora o alcance da cámara en 129%.
Autonomía e conectividade
A autonomía tamén foi mellorada nesta serie, cunha batería de 5.600 mAh no Pura 80 e de 5.700 mAh nos modelos Pro e Ultra. A gran vantaxe reside na carga rápida de 100 W e a carga sen fíos de 80 W, o que permite recargar rapidamente os dispositivos. Huawei tamén mellorou as capacidades de silicio-carbono, o que permite unha maior capacidade de batería sen comprometer o tamaño do dispositivo.
E como non podía ser de outra maneira, os Huawei Pura 80 soportan WiFi 7 e Bluetooth 5.2, garantindo a mellor conectividade para xogos en liña, transmisión de vídeos en alta definición e interacción con dispositivos externos. Ademais, todos os modelos desta serie son resistentes ao po e á auga con clasificación IP68/IP69. A resistencia tamén se estende ao seu sensor de huellas lateral, que mellora a comodidade e rapidez de desbloqueo.

Sistema operativo: HarmonyOS 5.1
A nova serie Pura 80 vén equipada co sistema operativo HarmonyOS 5.1, que como xa temos comentado en moitas ocasións, xa non depende de Android. Esta nova versión mellora a integración da IA, e ofrece un rendemento optimizado.
Este sistema operativo, desenvolvido completamente por Huawei, tamén se destaca pola súa personalización e privacidade, mantendo o compromiso da marca coa seguridade.
Dispoñibilidade e prezo dos novos Huawei Pura 80
Os Huawei Pura 80 son un claro exemplo de como a marca está restaurando o seu interese no mercado global. As innovacións en cámaras e as melloras en batería e conectividade son algúns dos puntos que destacan desta nova serie.
Están dispoñíbeis na China, cuns prezos ao cambio que varían en función das especificacións, e que poderían cambiar de chegar a outras rexións no futuro:
- Huawei Pura 80 Pro 12 GB/256 GB: 800 €
- Huawei Pura 80 Pro 12 GB/512 GB: 850 €
- Huawei Pura 80 Pro 12 GB/1 TB: 975 €
- Huawei Pura 80 Pro+ 16 GB/512 GB: 975 €
- Huawei Pura 80 Pro+ 16 GB/1 TB: 1.100 €
- Huawei Pura 80 Ultra 16 GB/512 GB: 1.220 €
- Huawei Pura 80 Ultra 16 GB/1 TB: 1.340 €
Máis info | Huawei