Pixel Drop de xuño: Android 16 e novas funcións para mellorar a experiencia cos dispositivos Pixel

Esta semana, os dispositivos Pixel recibiron o tan esperado Pixel Drop de xuño, que vén cargado de novidades para mellorar a experiencia das usuarias. Entre as melloras máis destacadas está a chegada de Android 16, xunto cunha serie de actualizacións e características novas que fan que os dispositivos Pixel sexan aínda máis útiles, personalizados e accesíbeis. Imos repasar algúns dos cambios máis importantes que podes esperar no teu dispositivo Pixel a partir de agora.

Pixel VIP: A conexión máis próxima cos teus seres queridos

Unha das funcións máis interesantes que chega con este Pixel Drop é a nova funcionalidade Pixel VIPs. Agora, podes converter a familiares ou ás amizades máis próximas en VIPs do teu teléfono, facilitando a súa localización e comunicación. Con esta opción, o widget Pixel VIPs da aplicación de Contactos permite que ir máis aló das chamadas e mensaxes, proporcionando acceso directo aos últimos contactos, chamadas e localización dos teus VIPs (sempre que se comparta).

Ao configurar os detalles do contacto, como cumpreanos, correos electrónicos e preferencias, tamén poderemos recibir notificacións de eventos importantes, como aniversarios. Outra característica interesante é que os VIPs poden saltarse a función “Non Molestar”, asegurando poder manter unha comunicación ininterrompida con aquelas persoas que máis importan. Este sistema, ademais, garante a privacidade, xa que os datos sensíbeis non saen do dispositivo.

Máis funcións de cámara

A quen lle guste a fotografía e teña un Pixel 9a, debe saber que actualización trae unha nova ferramenta que permite sacar o máximo proveito da súa cámara. Desde agora, a aplicación da cámara conta cunha icona do signo de interrogación no menú, que ofrece inspiración visual e instruccións prácticas sobre como usar os diferentes modos da cámara do dispositivo.

Trátase, por dicilo dalgunha maneira, dun centro de formación incorporado, que permite ás usuarias aprender técnicas de fotografía en tempo real, mellorando as súas habilidades sen complicacións.

Por outra banda, as usuarias de Google Fotos desfrutarán de novidades que melloran a experiencia de edición de fotos. Agora, a IA de Google Fotos ofrecerá suxestións para mellorar as imaxes con só un toque. Este sistema de edición asistida ofrece un acceso rápido e cómodo ás ferramentas de edición máis recomendadas, baseándose nos cambios ou melloras selecccionadas. Así, as usuarias poderán ter fotos máis personalizadas en cuestión de segundos, mellorando a calidade da súa galería de maneira sinxela.

Novas ferramentas para facilitar o uso

O Pixel Drop de xuño tamén mellora notablemente a accesibilidade dos dispositivos Pixel. Agora, as usuarias poden aproveitar a busca en vivo da aplicación Lupa, que permite identificar obxectos ou texto arredor en tempo real. Por exemplo, se estamos nun restaurante e necesitamos saber que hai no menú, poderemos simplemente escribir o nome do prato e a Lupa resaltará o texto correspondente na pantalla, emitindo tamén unha vibración para indicarnos que atopou unha coincidencia.

Outra mellora importante para a accesibilidade é a incorporación de LE Audio (Bluetooth Low Energy Audio), unha nova función que mellora a conectividade e a calidade do audio nos audífonos compatíbeis. Coa chegada desta función, poderanse atender chamadas en calquera lugar e tamén axustar o volume ambiente ou modificar os axustes predefinidos dos audífonos directamente desde os axustes do teu Pixel.

Mellorando a experiencia Pixel, e tamén Android 16

Como vimos, o Pixel Drop de xuño trae novidades diferenciais para as usuarias de Pixel, mellorando a súa experiencia a través de funcións como Pixel VIPs, melloras na accesibilidade, ou a edición asistida con IA en Google Fotos. Mais tamén coa chegada de Android 16.

Con estas actualizacións, os dispositivos Pixel non só se fan máis útiles e personalizábeis, senón que tamén se afianzan como dispositivos ideais para aquelas que buscan un rendemento impecable e innovación constante.

Sobre o autor

Reply