Cada vez somos máis as usuarias interesadas en controlar os pasos, a calidade do sono ou a nosa actividade física diaria, e as pulseiras intelixentes convertéronse nunha ferramenta clave para mellorar o noso benestar. A nova Xiaomi Smart Band 10, que se presentará oficialmente o 30 de xuño, promete melloras en pantalla, autonomía e funcionalidades, mantendo un prezo competitivo que a fai perfecta para quen busca unha smartband completa sen gastar demasiado.
Un deseño máis brillante e personalizable
Segundo as últimas filtracións, a Smart Band 10 contará cunha pantalla AMOLED de 1,72 polgadas, cunha taxa de refresco de 60 Hz e un pico de brillo de 1.500 nits, superando os 1.300 nits da Band 9. Isto permitirá unha mellor visibilidade en exteriores, mesmo a plena luz do día.
Estará dispoñíbel en tres cores: negro, rosa e prata, con novos accesorios para personalizala ao noso estilo. A aposta polo deseño e a versatilidade mantense como un dos sinais de identidade desta liña de produtos de Xiaomi.
Máis batería e mellor xestión do sono
A autonomía seguirá sendo unha das grandes bazas da pulseira: até 21 días de uso continuo, segundo Xiaomi. Ademais, integrarase un sistema mellorado de xestión do sono e recomendacións personalizadas, co obxectivo de axudarnos a durmir mellor e identificar hábitos pouco saudables durante a noite.
Esta función súmase ao seguimento da actividade física, monitorización do ritmo cardíaco, oxíxeno en sangue e moitas outras ferramentas que xa se esperan dunha pulseira deste tipo.
Prezo e dispoñibilidade
A nova Xiaomi Smart Band 10 chegará ao mercado europeo por 49,99 €, un lixeiro aumento respecto aos 40 € da anterior versión. Estará dispoñíbel en Europa, América Latina, América do Norte e Asia, mantendo a estratexia global da marca.
