Novos LG gram con AMD Ryzen AI: portátiles ultralixeiros con potencia, autonomía e intelixencia artificial

Nun mundo cada vez máis conectado e esixente, contar cun portátil lixeiro pero potente xa non é un luxo, senón unha necesidade real para profesionais, estudantes e mesmo para usos persoais. En resposta a esta demanda, LG vén de presentar a nova xeración dos seus portátiles LG gram con procesadores AMD Ryzen AI, que xe están dispoñíbeis no Estado español.

Destacando o seu peso, de tan só 1.290 gramos, e unha autonomía que chega até as 27 horas de uso, estes dispositivos combinan ultraportabilidade, rendemento gráfico mellorado e eficiencia, en boa medida grazas á aplicación da Intelixencia Artificial (IA)

AMD Ryzen AI: máis intelixencia, menos consumo

O gran salto desta nova gama é a incorporación dos procesadores AMD Ryzen AI 7 e AI 5, os primeiros da marca con NPU (Unidade de Procesamento Neuronal) dedicada. Isto permite descargar tarefas de intelixencia artificial da CPU e da GPU, optimizando o consumo enerxético e liberando recursos para outras funcións.

Con capacidade de procesamento de até 50 TOPS (billóns de operacións por segundo), estes LG gram están pensados para tarefas avanzadas como videoconferencias intelixentes, edición lixeira ou deseño gráfico portátil, mantendo sempre unha resposta áxil e fluída.

En termos de potencia, os novos modelos ofrecen un 36% máis de rendemento gráfico co Ryzen AI 7 e un 35% máis co Ryzen AI 5 fronte a modelos anteriores. Ademais, son un 10% e 6% máis rápidos respectivamente, e amplían a autonomía até en 7 horas, facendo posíbel traballar unha xornada completa sen preocuparse do cargador.

Deseñados para moverse

Estes avances fan dos novos LG gram unha opción ideal para quen busca un portátil capaz de acompañar os ritmos máis esixentes, xa sexa na oficina, na universidade ou traballando en mobilidade. Ademais, permiten realizar multitarefa sen ralentizacións, mesmo executando aplicacións creativas, videochamadas e outras funcións ao mesmo tempo. A súa solución térmica avanzada mantén o rendemento constante mesmo en sesións de traballo longas.

A integración de LG gram AI, a primeira IA híbrida da marca, xunto con ferramentas como Copilot+ PC e gram Link 2.0, mellora a produtividade e a conectividade. Esta última permite ampliar a pantalla ou compartir arquivos entre dispositivos Android e iOS dun xeito sinxelo e eficaz.

Dispoñibilidade e prezo

Con perfís ultrafinos, deseño premium e certificación militar MIL-STD-810H, estes LG gram están preparados para soportar o día a día máis esixente sen perder a súa elegancia nin lixeireza. Todo isto cunha gama de prezos que vai desde os 1.249 € ata os 1.899 €, dependendo da configuración e tamaño do modelo escollido.

Os novos LG gram con AMD Ryzen AI son a combinación perfecta de mobilidade, intelixencia e rendemento gráfico, demostrando que a portabilidade non está rifada coa potencia. Un portátil preparado para os retos do presente e do futuro, xa dispoñíbel no noso país.

Sobre o autor

Reply