Movistar quere dar un paso adiante na súa aposta pola excelencia na atención ao cliente coa nova iniciativa Movistar por ti, que redefine por completo a experiencia das usuarias. A partir deste mesm mércores 18 de xuño, toda a clientela do operador beneficiarase dunha atención máis próxima, áxil e personalizada, e tamén de melloras substanciais nas prestacións dos seus servizos, sen ningún custe adicional.
Atención ao cliente cun só interlocutor e solucións nunha única chamada
O eixo central de “Movistar por ti” é a simplificación dos trámites e a resolución eficaz de calquera xestión. A clientela disporá sempre dunha única interlocutora identificada que se responsabiliza do proceso completo, desde a primeira chamada até a resolución final. Así, se o motivo da consulta é, por exemplo, unha dúbida coa factura, esta será resolta na mesma chamada ou, como máximo, nun prazo de 24 horas se se require algunha xestión adicional.
Outros puntos clave desta nova filosofía de atención inclúen a eliminación das esperas en silencio (as usuarias estarán sempre informadas das accións que se están realizando); prioridade nas chamadas para persoas maiores ao número 1004 (recoñecidas automaticamente para ofrecer apoio especializado); citas para instalacións que se concretan na mesma chamada; nada de ofertas comerciais até resolver as xestións pendentes e atención garantida con persoas, mesmo se se emprega asistencia automatizada para redirixir a consulta.
Detrás destes cambios está a man de Pedro Serrahima, ex-CEO de Pepephone e actual director de Experiencia de Cliente e Calidade en Telefónica.
Melloras en tarifas miMovistar sen custe adicional
Xunto coas novidades na atención ao cliente, Movistar premiará a fidelidade con melloras notábeis nas prestacións incluídas nos paquetes miMovistar, que inclúen fibra On/Off para segunda residencia (págase só polos días de uso, activable á vontade); servizo MultiSIM (até 4 dispositivos); máis velocidade móbil 5G (até 2 Gbps) e maior protección contra fraude, co bloqueo automático de chamadas sospeitosas.
Segundo a tarifa contratada, estas son algunhas das melloras específicas:
- miMovistar Ilimitado x2 e x4: inclúe MultiSIM, fibra On/Off e chamadas ilimitadas dende o fixo.
- miMovistar Ilimitado: a liña adicional de 50 GB pasa a ter datos ilimitados.
- miMovistar Max: liña adicional tamén con datos ilimitados e velocidade da fibra duplicada (de 600 Mb a 1 Gb).
- Resto de tarifas converxentes: os datos a máxima velocidade na liña móbil pasan de 30 a 60 GB e a velocidade 5G tamén se duplica.
Todos os cambios serán comunicados mediante cartas ou correos personalizados a cada usuaria da compañía nos próximos días.
