realme P3: chega ao noso país o 24 de xuño cun gran rendemento de gama media

Coincidindo coa conmemoración de San Xoán, o próximo 24 de xuño chega ao mercado o novo realme P3, o primeiro modelo da nova Serie P da marca chinesa, deseñado especialmente para usuarias novas que buscan rendemento, autonomía e deseño premium: todo cun prezo competitivo. A serie, que xa triunfou no seu lanzamento na India (con máis de 2 millóns de unidades vendidas), pretende agora revolucionar o mercado europeo da gama media.

Desde a marca aseguran que esta nova liña nace para romper co statu quo dos smartphones en liña, combinando tecnoloxía punteira e deseño atractivo sen disparar o prezo, enfocándose nas necesidades “reais” da mocidade.

Por iso destaca pola súa potencia e resistencia, sendo o primeiro da súa gama en combinar certas características moi pouco habituais nun móbil de prezo contido: procesador Snapdragon 6 Gen 4 (4 nm), batería Titan de 6000 mAh con tecnoloxía de carga directa ou pantalla AMOLED Esports de 120 Hz con brillo máximo de 2000 nits, que ofrece fluidez e boa visibilidade mesmo a pleno sol. Ademais inclúe certificación IP69, a máxima resistencia á auga na súa categoría.

Deseñado para gamers

realme aposta claramente polo público gamer e creador de contido: o P3 é o primeiro da súa gama en ofrecer 120 fps en xogos competitivos (como Free Fire ou Mobile Legends), un estándar que até agora só se vía en dispositivos moito máis caros.

Ademais, a súa pantalla AMOLED de alta calidade e o sistema de arrefriado avanzado de grao aerospacial de 6050 mm2 permiten sesións de xogo ou streaming longas sen perdas de rendemento nin sobrequecementos.

Dispoñibilidade e prezo

Como avanzamos ao comezo, o realme P3 será presentado chegará ao mercado español e outros mercados europeos o 24 de xuño de 2025. Aínda non se confirmou o prezo exacto, pero espérase que manteña unha excelente relación calidade-prezo, como xa é habitual na marca.

Coa súa folla de especificacións, o realme P3 promete converterse nun dos novos referentes da gama media para usuarias esixentes, con características que normalmente só se atopan en dispositivos de gama alta: gran batería, pantalla de calidade, potencia para xogos e resistencia extrema. Un móbil “para todo” que chega no momento perfecto.

Sobre o autor

Reply