O Redmi K80 Ultra, o próximo teléfono que aspira a ser supervendas de Xiaomi, está a piques de ser presentado oficialmente na China, e xa temos unha morea de detalles que o colocan como un dos smartphones máis destacados deste 2025.
Desde unha batería de 7.410 mAh, pasando por vibración háptica de última xeración até altofalantes duais simétricos, todo apunta a que estamos ante o que podería ser un dos mellores móbiles de gama media-alta con aspiracións do ano.
Batería de grandes dimensións
Seguindo a tendencia dos móbiles chineses neste 2025, e atendendo ás filtracións recentes en Weibo, o Redmi K80 Ultra contará cunha das mellores baterías vistas nun smartphone: nada menos que 7.410 mAh, o que se traduce en até dous días e medio de uso real segundo as probas internas de Xiaomi.
Para mellorar aínda máis a experiencia, o dispositivo incluirá a tecnoloxía Bypass Charging Plus, que permite enviar a enerxía directamente á placa base durante xogos ou tarefas intensas, evitando o sobrequecemento da batería e alongando a súa vida útil. E por se fose pouco, o K80 Ultra será o primeiro Redmi compatíbel con carga rápida de 100 W, algo reservado ata agora a gamas máis altas.
Vibración háptica e son premium cun deseño coidado
Outro punto que destacaría do Redmi K80 Ultra é o seu sistema de vibración háptica CyberEngine, que supera, segundo Xiaomi, mesmo ao dos iPhone. Este motor conta con retroalimentación de banda ultraancha e até 100 patróns diferentes de vibración, adaptándose ao uso en tempo real mediante un controlador de circuito pechado que garante unha resposta táctil precisa e constante.
En canto ao son, Xiaomi equipa este modelo con altofalantes duais simétricos coaxiais, que integran tweeters e woofers na mesma estrutura para unha resposta de frecuencia ampla de ata 20 kHz, unha experiencia sonora difícil de atopar noutra marca neste segmento.
O Redmi K80 Ultra chegará cun deseño moi coidado e potencia asegurada grazas ao procesador MediaTek Dimensity 9400+, o mesmo que levará a nova tablet Redmi K Pad que será presentada simultaneamente. Este chip permitirá non só ter unha experiencia fluída en multitarefa, senón tamén un rendemento gráfico notábel en xogos e apps esixentes.
Dispoñibilidade do Xiaomi Redmi K80 Ultra
Xiaomi ten previsto presentar o Redmi K80 Ultra e a Redmi K Pad a finais de xuño de 2025 na China. Aínda non hai confirmación sobre o seu lanzamento global, pero todo apunta a que podería plantar cara a dispositivos de gama alta premium, especialmente se mantén a súa habitual política de prezos competitivos.
