Samsung xa ten data para o seu próximo Galaxy Unpacked: o 9 de xullo coñeceremos a nova experiencia Ultra

Samsung vén de anunciar oficialmente o seu próximo gran evento: o Galaxy Unpacked celebrarase o 9 de xullo de 2025, e terá lugar en Brooklyn, Nova York, un escenario cargado de simbolismo creativo para presentar o que prometen ser os dispositivos Galaxy máis ambiciosos ata a data. A compañía xa deixou caer que estamos ante “a experiencia Ultra lista para despregarse”, un xogo de palabras que está a xerar unha morea de expectativas.

Este novo Unpacked chega nun momento de transformación para o ecosistema Galaxy. Samsung sitúa a intelixencia artificial como o novo centro da experiencia de usuario, pasando dunha interacción reactiva a unha moito máis anticipativa. Os novos dispositivos presentaranse como compañeiros intelixentes, capaces de interpretar intencións e responder en tempo real, potenciados por hardware revolucionario.

Que podemos esperar? As teorías do apelido “Ultra”

Samsung leva anos reservando o apelido Ultra para os seus dispositivos máis premium, como os Galaxy S Ultra. Por iso, o feito de que anuncie a chegada dunha “experiencia Ultra que se desprega” suxire algo máis que un salto evolutivo: suxire a chegada dun novo tipo de móbil encartábel de gama ultra premium.

Arredor desa idea, no sector circulan agora tres teorías:

  • A primeira aposta por un Galaxy Z Fold 7 Ultra, diferenciado do modelo estándar, que destacaría por un deseño moito máis delgado, pantallas máis grandes ou melloras destacadas no sistema de cámaras, resistencia ou autonomía.
  • A segunda retoma a idea do primeiro móbil triplemente encartábel de Samsung. Nos últimos Mobile World Congress Samsung presumiu de avances en pantallas, que deron idea de que está preparada para lanzar este tipo de dispositivos.
  • E a terceira -e seguramente menos probábel por darse case por obvia- sería un dispositivo con melloras diferenciais en intelixencia artificial, cunha maior implementación de solucións do ecosistema Galaxy AI.

Galaxy Unpacked: 9 de xullo

Sexa como for, a espera para coñecer que ten Samsung para ofrecer ás usuarias este verán está a piques de rematar. O Galaxy Unpacked de xullo celebrarase o día 9 ás 16:00h e poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube de Samsung, entre outras plataformas.

Sobre o autor

Reply