Fairphone 6: o móbil europeo, sostíbel e reparábel que aposta por durar

O novo Fairphone 6 xa é oficial, e chega con claras intencións de cambiar as regras do xogo na industria dos smartphones. Fabricado por Fairphone, a compañía europea pioneira na tecnoloxía sostíbel, este dispositivo non destaca polos seus acabados premium nin por mover xogos a 120 FPS, senón por algo moito máis valioso: ofrecer unha alternativa ética, duradeira e reparábel ás usuarias conscientes.

Deseñado para durar (de verdade)

Nun mundo de dispositivos cheos de compoñentes propietarios e difícil acceso ás reparacións, o Fairphone 6 aposta pola modularidade real. O móbil pode desmontarse con simples parafusos estándar, sen cabezais especiais nin ferramentas estranas. A batería, a pantalla, a cámara, os altofalantes… até 12 compoñentes habituais pódense substituír facilmente na casa, sen depender dun servizo técnico profesional.

Ademais, a parte traseira inclúe un sistema de parafusos personalizábeis, pensado para engadir accesorios como carteiras, ganchos ou soportes. De feito, hai rumores de que a empresa mesmo podería publicar os deseños para impresión 3D, seguindo os pasos de CMF, a submarca de Nothing máis económica.

Co seu grosor de 9,6 mm e un peso de 193 gramos, o Fairphone 6 non compite en lixeireza, pero si en resistencia. Está protexido con Gorilla Glass 7i, ten certificación IP55 contra po e auga e destaca polo seu deseño sobrio e funcional. Vén en tres cores: negro, verde e branco.

Fairphone 6: máis potencia para unha maior durabilidade

O Fairphone 6 enmárcase na gama media, e chega con melloras significativas respecto á xeración anterior, especialmente no procesador e nas cámaras. A aposta por Qualcomm supón un importante paso adiante, ofrecendo o modelo Snapdragon 7s Gen 3, que ten demostrado funcionar moi ben na súa gama. O procesador vén acompañado de 8 GB de memoria RAM e 256 GB de almacenaxe interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 2 TB, algo que cada vez menos móbiles admiten.

A súa pantalla é un panel de 6,31 polgadas P-OLED LTPO FullHD+, con frecuencia de actualización de 120 Hz, e brillo pico de 1.400 nits. En canto á fotografía, temos unha cámara traseira dobre, formada por un sensor principal Sony Lytia 700C de 50 MP con OIS e un gran angular de 13 MP con EIS e función macro. Na parte frontal, atopámonos cun sensor Samsung KD1 de 32 MP para autorretratos.

Completando a folla de especificacións temos unha batería de 4.451 mAh con carga de 30W e totalmente extraíbel, conectividade 5G (nanoSIM e eSIM), WiFi 6E, Bluetooth 5.4, NFC e USB-C. Ademais dispón de lector de pegada lateral e protección IP55.

Software: Google ou software libre, ti escolles

Un dos puntos máis interesantes do Fairphone 6 é a liberdade de elección a nivel de software. Aínda que vén de fábrica con Android e os servizos de Google, a compañía fomenta o uso de sistemas operativos alternativos, como:

  • /e/ OS (Murena): unha alternativa libre e enfocada á privacidade
  • PostmarketOS ou Ubuntu Touch, portados pola comunidade
  • Outras ROMs baseadas en Android, sen bloatware e altamente personalizábeis

Este enfoque fai do Fairphone non só unha ferramenta útil e sostíbel, senón tamén unha plataforma aberta para a experimentación tecnolóxica.

Fairphone 6: prezo e dispoñibilidade

O Fairphone 6 xa está dispoñíbel por 599 euros nunha única configuración de 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento. Un prezo que, se ben non é o máis económico do mercado, xustifícase pola súa filosofía, duración e liberdade de uso.

De querermos apostar pola versión con software libre, o prezo sube até os 649 €.

Sobre o autor

Reply