Xiaomi vén de celebrar un dos seus eventos máis ambiciosos do ano baixo o lema “New beginnings”, no que deu a coñecer un amplo catálogo de novidades que reforzan a súa aposta polo ecosistema intelixente e os dispositivos de alta gama. Entre os protagonistas destacan o novo Xiaomi MIX Flip 2, a tableta Xiaomi Pad 7S Pro 12.5, o smartphone Xiaomi YU7, as gafas intelixentes AI Glasses, e unha nova xeración de wearables e dispositivos AIoT como a Smart Band 10, o Xiaomi Watch S4 41mm e os auriculares OpenWear Stereo Pro.
Xiaomi MIX Flip 2
O novo Xiaomi MIX Flip 2 posicionase como o teléfono encartábel compacto máis potente de Xiaomi até a data. Incorpora o novo procesador Snapdragon 8 Elite, unha batería de 5165 mAh —a máis grande no seu segmento— e unha cámara desenvolvida con Leica, con sensor Light Fusion 800 e lentes ópticas Summilux.
O seu deseño destaca pola delgadez (só 7,57 mm aberto) e o peso lixeiro (199 g). A pantalla exterior de 3,5 polgadas permite usar máis de 500 aplicacións directamente, e incorpora novos pets interactivos que responden ao toque e á carga, con opcións personalizábeis mediante IA.

Está dispoñíbel en catro cores (branco, púrpura, verde e dourado axedrezado) e configuracións de até 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento, cun prezo base duns 730 € ao cambio.
XIaomi Pad 7S Pro 12.5
Pola súa banda, a tableta Xiaomi Pad 7S Pro 12.5 chega equipada co Xiaomi XRING O1, o primeiro chip da marca desenvolvido en 3nm. A pantalla LCD de 12,5 polgadas 3.2K acada os 1000 nits de brillo máximo, con calibración de cor cruzada entre móbiles, televisores e portátiles Xiaomi.

Corre con HyperOS 2 e destaca polas funcións potenciadas por IA como escritura automática, arte dixital con Mi Canvas, modo estación de traballo e calculadora intelixente. A súa batería de 10.610 mAh permite carga rápida de 120W e soporta carga inversa a 7,5W.
Está dispoñíbel en varias cores, incluíndo unha versión con acabado en vidro mate, e o seu prezo parte dos 475 € ao cambio.
Xiaomi AI Glasses
Xiaomi tamén anunciou as novas Xiaomi AI Glasses, uns lentes intelixentes que pesan só 40 gramos e combinan deseño, comodidade e tecnoloxía de vangarda. Levan unha cámara Sony de 12 MP, audio con cancelación de ruído por óso e microfónos resistentes ao vento.

Funcionan como centro de IA móbil: recoñecen obxectos, traducen texto, transcriben reunións e ofrecen interpretación en 10 idiomas. Tamén permiten transmisións en directo en primeira persoa e teñen batería para 8,6 horas de uso. O prezo inicial é duns 237 €.
Xiaomi Smart Band 10
Na súa décima xeración, a nova Xiaomi Smart Band 10 ofrece unha pantalla AMOLED de 1,72 polgadas, brillo de 1500 nits e deseño personalizábel con acabados metálicos ou cerámicos.

Inclúe sensor de 9 eixes, detección de brazadas con IA, análise de sono avanzada e integración completa co ecosistema AIoT de Xiaomi, incluídos coches eléctricos. Os prezos comezan nos 32 euros ao cambio.
Xiaomi Watch S4 41 mm
O novo Xiaomi Watch S4 41mm está pensado para pulsos máis pequenos, cun corpo de 32 g e só 9,5 mm de grosor. Inclúe medidor de temperatura da pel, seguimento do ciclo menstrual, vixilancia cardíaca en tempo real e un modo de emerxencia Safety Guardian.

Conecta coa casa, o coche e outros dispositivos Xiaomi para funcións como desbloqueo automático ou notificacións de navegación. Parte duns 119 € e chega en versións con correas de goma, coiro branco e malla metálica con diamante sintético.
Xiaomi OpenWear Stereo Pro
Os Xiaomi OpenWear Stereo Pro redefinen os auriculares abertos cun deseño ergonómico en silicona líquida, sistema de cinco altofalantes, cancelación de fugas sonoras e son profesional afinado por Harman.

Inclúen gravación de audio, tradución e transcrición con IA, e funcionan con HyperOS. Estarán dispoñibles en dourado, negro e prata desde 999 RMB.
Novo SU7 Ultra con récord en Nüburgring
Xunto co lanzamento de novos móbiles, tablets e dispositivos AIoT, Xiaomi sorprendeu tamén coas súas novidades no sector da automoción. O Xiaomi SU7 Ultra, o seu coche eléctrico de altas prestacións, acadou un fito histórico ao converterse no Vehículo Executivo Eléctrico máis rápido no circuíto de Nürburgring, cun tempo de volta certificado de 7 minutos, 4 segundos e 957 milésimas. Este logro reforza a ambición de Xiaomi por competir cos principais actores da industria da mobilidade eléctrica.

O fabricante tamén anunciou a chegada do SU7 Ultra con “Track Package”, un conxunto de melloras técnicas que inclúe amortiguadores Bilstein EVO R, freos ENDLESS de alto rendemento e pneumáticos Pirelli semi-slick, pensado para os máis esixentes en circuíto. Para conmemorar o récord, lanzan ademais a edición limitada SU7 Ultra Nürburgring Limited Edition, con só 10 unidades dispoñibles en 2025 e un deseño que combina estilo, exclusividade e rendemento extremo, mantendo a legalidade para conducirse na vía pública.
Tecnoloxía para todo: unha nova era para Xiaomi
O evento “New Beginnings” deixa clara a ambición de Xiaomi por ser moito máis que unha marca de smartphones. Co lanzamento do MIX Flip 2, a potente tablet Pad 7S Pro 12.5, innovadores dispositivos como as AI Glasses, o Smart Band 10 ou o Watch S4 41mm, e a irrupción decidida no mundo da automoción co SU7 Ultra, a compañía chinesa consolida a súa visión de ecosistema integral onde móbil, casa e coche funcionan de xeito conectado e intelixente.
Xiaomi confirma así que o seu futuro pasa por ofrecer tecnoloxía transversal, accesible e innovadora, nunha aposta que redefine os límites entre dispositivos e experiencias.
