Telefónica vén de anunciar un ambicioso plan para mellorar a conectividade móbil durante os meses de verán, reforzando a súa rede 5G en 481 concellos turísticos —tanto de costa como de interior— e garantindo cobertura avanzada en 575 eventos que se celebrarán ao longo e ancho do Estado. Este despregamento forma parte dunha estratexia a longo prazo para consolidar a súa lideranza en 5G de altas prestacións, especialmente na banda de 3.500 MHz, onde xa conta con nodos activos en 2.645 localidades.
A operadora ampliou o seu alcance en zonas costeiras até chegar a 425 concellos do litoral e das illas, incluíndo vilas pequenas de menos de 1.000 habitantes e outras máis poboadas. No interior, o reforzo abrangue 56 concellos de comunidades como Galiza, Asturias, Aragón ou Castela e León, onde a poboación se multiplica no verán por mor do turismo. Ademais, o 75% destes novos núcleos turísticos xa contan coa tecnoloxía 5G na banda de 3.500 MHz, que permite velocidades ultrarrápidas, latencia mínima e unha experiencia móbil optimizada mesmo en espazos con alta concentración de usuarios.
5G tamén nos festivais e festas máis populares
Un dos puntos fortes deste plan de despregamento é a cobertura especial que se ofrecerá en 575 eventos multitudinarios repartidos por todo o Estado español, entre os que destacan festivais como o Sónar de Barcelona, o BBK Live de Bilbao, o Starlite de Marbella ou o Mad Cool de Madrid. Tamén se inclúen festas populares como o Orgullo de Madrid e Sevilla, a Danza dos Zancos en Anguiano (A Rioxa) ou as festas de Sant Lluís en Menorca.
Para garantir a calidade do servizo nestes eventos, Telefónica mobilizará 89 unidades móbiles de reforzo, pensadas para cubrir picos de demanda en momentos críticos. Esta operativa está planificada con varios meses de antelación e inclúe a optimización da rede existente, cun claro obxectivo: levar o 5G a cada recuncho do territorio, tamén onde tradicionalmente era máis difícil garantir conexión de calidade.
Un 5G cada vez máis capilar e con maior alcance
Con este despregamento estival, Telefónica acada os 4.733 concellos con cobertura 5G en calquera banda de frecuencias —incluíndo tamén a de 700 MHz—, o que supón unha cobertura poboacional do 92% acadada en marzo. Isto tradúcese nunha rede cada vez máis robusta e dispoñíbel tanto para persoas usuarias como para empresas, e nun apoio decisivo para seguir avanzando cara á ultra banda larga móbil en todo o Estado. A compañía tamén destaca o papel da colaboración público-privada como chave para garantir unha conectividade inclusiva e igualitaria, independentemente da localización xeográfica.
