A operadora Digi dá un paso de xigante no seu proceso de transformación como operador con rede propia no Estado español. O pasado mes de maio, avanzamos que a compañía acendeu a súa primeira antena móbil propia na cidade de Palencia, un fito simbólico que marca o inicio dun ambicioso plan que contempla o despregamento de até 10.000 puntos de acceso móbil ao longo dos próximos dez anos.
Esta nova rede estará construída con equipos de Nokia e Ericsson, os mesmos que emprega Telefónica, coa que Digi compartirá parte da infraestrutura. A elección destas tecnoloxías responde a criterios de seguridade, interoperabilidade e confianza, evitando completamente o uso de equipamentos chineses como os de Huawei ou ZTE, que foron vetados por múltiples gobernos europeos e por Telefónica a comezos de 2025.
Dobre investimento para unha cobertura propia
Inicialmente, Digi tiña pensado levantar 5.000 puntos de acceso, pero segundo confirmou o seu CEO, Marius Varzaru, a cifra duplicouse até os 10.000 emprazamentos. Este incremento permitirá mellorar significativamente a cobertura e calidade do servizo para a súa clientela, reducindo a dependencia de outras redes e consolidando a súa posición como operador con rede móbil propia.
Para facer realidade este proxecto, Digi prevé unha investimento de 2.000 millóns de euros nos vindeiros anos. Parte dese orzamento destinarase á compra de equipos core de rede de Nokia e Ericsson, o que garante compatibilidade coas redes de Movistar e contribúe a establecer estándares comúns de seguridade e privacidade. Ademais, a compartición de infraestrutura con Telefónica facilitará un despregamento máis áxil e eficiente.
Un novo escenario para a conectividade móbil
A entrada de Digi como operador con rede propia supón un cambio relevante no ecosistema das telecomunicacións do Estado español. Até o de agora, a compañía viña operando como OMV (operador móbil virtual), empregando a rede de Movistar. Con esta evolución, pretende ofrecer unha experiencia máis personalizada, flexíbel e con maior control sobre o servizo, reforzando a súa proposta de baixo custo con alta calidade.
O despregamento da rede propia tamén se enmarca nun contexto europeo no que os operadores apostan cada vez máis por tecnoloxía 5G de fabricantes europeos, afastándose das solucións chinesas por motivos xeopolíticos e de seguridade. Esta estratexia sitúa a Digi na liña das principais políticas de telecomunicación europeas, ao tempo que afianza a súa posición no competitivo mercado español.