Como vimos avanzando nas últimas semanas, Google prepara o lanzamento da súa nova serie Pixel 10 para o 20 de agosto, e xa se filtraron todos os detalles técnicos dos seus dous modelos máis avanzados: o Pixel 10 Pro e o Pixel 10 Pro XL. A compañía manterá o formato que xa utilizou o ano pasado, con catro modelos, incluíndo un encartábel, pero con importantes melloras internas que apuntan a consolidar os Pixel como unha das opcións máis completas do ecosistema Android.
Segundo recollen fontes como Android Headlines, os dous novos Pixel Pro manterán o tamaño da pantalla do ano pasado: 6,3 polgadas no Pixel 10 Pro e 6,8 polgadas no Pixel 10 Pro XL, ambas con tecnoloxía LTPO, refresco adaptativo de 1 a 120 Hz, brillo máximo de 3.000 nits e protección Gorilla Glass Victus 2, tanto na parte dianteira como traseira.
Máis RAM, máis batería e mellor carga
No interior, ambos modelos estarán potenciados polo novo chip Tensor G5 desenvolvido por Google, acompañado de 16 GB de RAM. No que respecta ao almacenamento, o Pixel 10 Pro ofrecerá catro opcións: 128 GB, 256 GB, 512 GB e 1 TB. Pola súa banda, o Pixel 10 Pro XL prescinde da opción máis básica e parte directamente dos 256 GB, o que pode empuxar ás usuarias a optar por modelos máis caros.
Un dos datos máis destacados é a batería. O Pixel 10 Pro XL será o primeiro teléfono de Google en incorporar unha batería de 5.200 mAh, a máis grande da historia da marca. No caso do Pixel 10 Pro, a batería será de 4.870 mAh, algo menor, pero con melloras en eficiencia grazas ao sistema de refrixeración por cámara de vapor.
Tamén se mellora a velocidade de carga, que agora alcanza os 29 W no Pro e 39 W no Pro XL, superando as cifras da xeración anterior. A carga sen fíos tamén medra grazas ao soporte do novo protocolo Qi2, que permite 15 W de carga inalámbrica, fronte aos 12 W dos Pixel 9.
Cámara, fotografía macro e IA: a fórmula Google
En canto á fotografía, Google mantén a configuración de cámaras traseiras dos Pixel 9 Pro: un sensor principal de 50 MP, un ultra gran angular de 48 MP e un teleobxectivo de 48 MP con zoom óptico 5x. A cámara frontal permanece en 42 MP. A novidade estará na nova función de fotografía macro, que combinará os sensores ultra gran angular e teleobxectivo para capturas detalladas a só 2 cm ou 10 cm de distancia.
A expectativa está tamén nos algoritmos de procesado, onde Google adoita destacar, polo que se espera que os Pixel 10 leven a fotografía móbil un paso máis alá, con soporte da súa IA xunto co sistema operativo Android 15 e integración nativa de Gemini, o asistente con IA de Google.
A serie Pixel 10 será presentada o 20 de agosto e a súa distribución comezará o 28 de agosto, converténdose nos móbiles de referencia de Google para o último treito do ano.