Google anunciou a finais da semana pasada a dispoñibilidade no noso país de Veo 3, o seu modelo máis avanzado de xeración de vídeo mediante intelixencia artificial, accesible para usuarias de Gemini con subscrición Google AI Pro. O modelo foi presentado no pasado Google I/O de maio e chega agora á península nun momento no que a creatividade audiovisual se funde coa tecnoloxía máis punteira.
Veo 3: creación de vídeo a partir de indicacións en linguaxe natural
Veo 3 é o novo modelo de Google capaz de crear vídeos de alta calidade (até 1080p) de máis dun minuto de duración, a partir de peticións en linguaxe natural. Grazas ao seu procesamento semántico avanzado, interpreta o ton, estilo e nivel de detalle desexado, permitindo a creación de contidos visuais cun acabado cinematográfico sorprendente.
Este sistema non só responde con precisión a termos como timelapse ou toma aérea, senón que xera escenas dinámicas con persoas, animais ou obxectos que se moven de forma realista. Un salto cualitativo na creatividade automatizada.
Integrado en Gemini
Veo 3 está integrado directamente en Gemini, sen ter que instalar ningunha aplicación específica. Porén, de momento só é accesíbel para persoas subscritas ao plan Google AI Pro, que ten un prezo de 21,99 € ao mes, tras un mes de proba gratuíta.
Todos os vídeos xerados desde esta plataforma levarán unha marca de auga visíbel, así como unha marca dixital invisíbel integrada por SynthID, o sistema de identificación desenvolvido por Google para verificar a procedencia do contido xerado por IA.
Esta tecnoloxía busca garantir a transparencia e confianza no contido audiovisual, ofrecendo ferramentas que permitan saber cando un vídeo foi creado artificialmente, un paso importante nun momento de crecente preocupación pola desinformación.
Un novo xeito de crear contido
Veo 3 comezou a súa andaina nunha versión preliminar privada chamada VideoFX, onde unha selección de creadores puido probar as súas capacidades. Agora, coa súa expansión internacional, Google avanza tamén que parte destas funcionalidades chegarán a YouTube Shorts no futuro, permitindo ás creadoras e creadores desenvolver contidos únicos sen necesidade de ferramentas de edición convencionais.
A revolución da intelixencia artificial aplicada ao vídeo está en marcha, e Veo 3 é unha das ferramentas chamadas a transformar o xeito en que contamos historias con imaxes en movemento. A creatividade das creacións pasa agora por ser quen de definir os detalles ou como queremos que se desenvolva o vídeo.
