A tecnoloxía VoLTE (Voice over LTE) chega por fin a R. As usuarias da operadora galega poden, desde hai uns días, realizar chamadas en alta definición a través da rede 4G, unha mellora que non require ningún tipo de activación manual e que se vai notar desde a primeira chamada.
Este avance forma parte dun despregue global do Grupo MasOrange, que tamén activou VoLTE para Euskaltel e Telecable, as outras dúas marcas que, xunto a R, compoñen o antigo Grupo Euskaltel.
VoLTE: que é e por que é importante
Como diciamos ao comezo do artigo, VoLTE son as siglas de Voice over LTE, é dicir, chamadas de voz sobre a rede 4G. Até o de agora, ao facer unha chamada na rede de R, o móbil cambiaba automaticamente á rede 3G ou mesmo 2G, o que supuña perda de calidade e funcionalidades. Con VoLTE, isto xa non é necesario, e iso tradúcese en importantes vantaxes.
A primeira, e máis destacada, é a posibilidade de facer chamadas en alta definición (HD Voice), cunha voz máis clara, natural e sen cortes nin ruídos. Pero tamén afecta a unha conexión máis rápida da chamada e a poder desfrutar de Internet mentres se fala, sen interrupcións.
O uso de VoLTE tamén implica unha maior duración da batería, xa que o móbil deixa de cambiar entre redes, o que reduce o consumo. Por último, hai que ter en conta que este servizo é indispensábel no estranxeiro, xa que hai países que teñen apagadas as súas redes 2G/3G, e no Estado español compañías como Vodafone tamén aceleran este apagado.
VoLTE en R: o servizo está activado a nivel de rede, pero hai que facelo tamén no móbil
O servizo está activado por defecto para todas as liñas móbiles de R, sen necesidade de chamar ou facer trámites coa compañía. Porén, para poder usalo é necesario ter un móbil compatíbel, estar nunha zona con cobertura 4G e ter activada a opción no móbil.
Para activar o servizo de VoLTE nun móbil Android hai que ir ao menú de axustes, buscar redes móbiles, conexións ou cartóns SIM e activar a opción de Chamadas VoLTE (ou chamadas 4G). De maneira análoga, nun iPhone é preciso ir a Axustes, dirixirnos a Datos móbiles > Opcións > Voz e datos e activar a mesma opción.
Con esta mellora, R segue avanzando na modernización da súa rede móbil, ofrecendo ás usuarias unha experiencia máis fluída, cómoda e acorde coas novas necesidades dixitais.
