O2 lanza fibra para segundas residencias desde 15 € ao mes e duplica o espazo na nube ata 1 TB

A operadora O2, a segunda marca de Telefónica, vén de anunciar dúas novidades que melloran a conectividade e os servizos dixitais para a súa clientela. Desde hoxe pódese contratar a fibra para segundas residencias desde 15 euros ao mes, e ademais, O2 Cloud duplica o seu espazo gratuíto até 1 TB, sen custes adicionais.

Nova tarifa de fibra para segundas residencias

Aquelas usuarias que están a desfrutar dunha tarifa combinada de fibra e móbil (ou fibra, móbil e TV) con O2 poden contratar unha conexión adicional para a súa segunda vivenda. Unha proposta que permite desfrutar das mesmas prestacións ca na primeira residencia, cun prezo reducido, sen permanencia e con instalación e router incluídos de forma gratuíta.

As usuarias poden elixir entre tres modalidades dispoñíbeis: 300, 600 ou 1000 Mbps, por 15 €, 20 € ou 27 €/mes, respectivamente. Uns prezos moi atractivos que de seguro animan a moitas a probar o servizo, xa sexa para teletraballo ocasional, vacacións prolongadas ou automatización domótica.

O2 Cloud duplica a súa capacidade até 1 TB

A outra gran novidade é a ampliación do espazo na nube O2 Cloud, que pasa de 500 GB a 1.000 GB (1 TB) sen que as usuarias teñan que facer nada. A mellora é automática para quen xa contaba co servizo activado.

Con este movemento O2 mellora un servizo adicional moi interesante, se temos en conta que Google ofrece 200 GB por 30 €/ano. E se falamos de operadoras, Digi agasalla con 50 GB, moi por baixo da proposta de O2, que só se ve mellorada por Movistar, que ofrece almacenamento ilimitado.

Valor engadido e simplicidade

Con estas novidades, O2 reforza a súa posición como operadora transparente, sen permanencias e con propostas pensadas para usuarias que valoran a calidade e a sinxeleza. Ademais, alíñase cos prezos de Movistar nas velocidades de 300 e 600 Mbps, e ofrece máis valor engadido ca outros rivais grazas ao seu 1 TB de almacenamento gratuíto en O2 Cloud.

Sobre o autor

Reply