Samsung volve subir o listón en tecnoloxía wearable coa presentación dos novos Galaxy Watch8 e Galaxy Watch8 Classic, uns reloxos intelixentes deseñados para acompañarte en todos os aspectos da nosa vida: desde o sono até o adestramento, pasando pola saúde mental, a nutrición e o estrés. O anuncio realizouse xunto coa chegada dos novos Galaxy Z Fold7 e Z Flip7, consolidando unha aposta decidida pola IA aplicada á saúde e ao benestar.
Máis cómodo, máis delgado e máis elegante
Co deseño máis fino de toda a gama, o Galaxy Watch8 mellora tanto por fóra como por dentro. A nova estrutura tipo almofada e o sistema Dynamic Lug fan que o reloxo se adapte mellor ao pulso, mellorando o confort e a precisión das medicións. A pantalla, con brillo de ata 3000 nits, garante visibilidade mesmo a pleno sol.
Por se fose pouco, o procesador de 3 nm e a batería optimizada aseguran un rendemento fluído e duradeiro, preparado para seguir o noso ritmo nunha vida activa.
Un reloxo que entende como nos sentimos
Samsung non quere que te limites a contar pasos. O Watch8 está pensado para axudarnos a vivir mellor, con funcións que van máis alá do fitness tradicional. Entre estas funcións están:
- Entrenador de sono: detecta patróns, ofrece consellos e mesmo pode avisar de signos de apnea do sono.
- Índice de antioxidantes: mide os nosos niveis de carotenoides en 5 segundos, para axudarnos a envellecer de maneira saudábel.
- Carga vascular: analiza o estrés do noso sistema circulatorio mentres durmimos.
- Puntuación de enerxía: usa IA para combinar o noso estado físico e mental e ofrecernos unha visión global do noso nivel de enerxía diario.
- Alerta de estrés alto e monitor de consciencia plena: reacciona cando o estrés sobe e propon solucións desde o pulso: respiración, mindfulness, etc.

Adestrador de carreira, Wear OS 6 e Gemini
Sexamos principiantes ou corredores experimentados, o novo Entrenador de carreira avalía a nosa forma física e crea plans personalizados con feedback en tempo real. A función Together permite competir (ou cooperar) con familiares e amizades, facéndoo máis divertido e motivador.

Ademais, os Galaxy Watch8 son os primeiros en incorporar Wear OS 6 con Gemini, o asistente de Google con IA. Isto permite facer tarefas con voz de forma natural: programar adestramentos, buscar lugares, enviar mensaxes ou consultar eventos, todo sen tocar a pantalla.
A nova capa One UI 8 Watch optimiza a experiencia: mosaicos con información relevante, barra de tarefas e notificacións emerxentes que facilitan o uso cotián.
Modelos para todos os estilos (e necesidades)
Samsung ofrece tres modelos, para adaptarse a diferentes públicos, gustos e necesidades.
- Galaxy Watch8: dispoñíbel en 40 e 44 mm, en grafito ou prata, cun deseño minimalista ideal para o día a día.
- Galaxy Watch8 Classic: 46 mm, con bisel xiratorio e botón rápido, en negro ou branco, para quen busca un estilo máis atemporal.
- Galaxy Watch Ultra: o máis robusto e preparado para aventuras extremas. Resistente, potente e cunha autonomía superior.

Dispoñibilidade e prezo
Toda a nova gama de reloxos intelixentes de Samsung estará dispoñíbel a partir do 25 de xullo, coa posibilidade de reservar xa desde hoxe en Samsung.com e nas canles habituais. A compañía tamén ofrece promocións con Galaxy AI Pro, almacenamento na nube, e acceso a Samsung Care+ para cobertura extra.
En canto a prezos, resumímolos no seguinte cadro:
| Modelo | Bluetooth | Bluetoth + LTE |
| Galaxy Watch8 40 mm | 379 € | 429 € |
| Galaxy Watch8 44 mm | 409 € | 459 € |
| Galaxy Watch8 Classic 46 mm | 529 € | 579 € |
| Galaxy Watch8 Ultra 47 mm | — | 699 € |
Os novos Galaxy Watch8 son moito máis que un accesorio: son unha ferramenta real para coidar da saúde, con tecnoloxía punteira, deseño atractivo e unha integración cada vez maior coa intelixencia artificial. A combinación destes cos novso Galaxy Z Flip7 ou Z Fold7, ofrecen un ecosistema Samsung completo preparado para o futuro.
