Novos Samsung Galaxy Z Fold7 e Z Flip7: a nova xeración de encartábeis con IA chega ao noso país

Como unha tradición de verán, Samsung presentou onte no seu Galaxy Unpacked de verán os novos Galaxy Z Fold7 e Galaxy Z Flip7, dous dispositivos que marcan un novo estándar nos móbiles encartábeis ao combinar deseño refinado, potencia bruta e funcionalidades intelixentes grazas á integración da intelixencia artificial (IA) en todo o sistema. Ademais, a eles súmase un novo Galaxy Z Flip7 FE (Fan Edition), co que o fabricante pretende achegar a tecnoloxía encartábel a un maior número de persoas.

Galaxy Z Fold7: pantalla inmersiva e produtividade en modo Ultra

O novo Galaxy Z Fold7 é o máis delgado e lixeiro da historia da gama, cun perfil de tan só 8,9 mm cando está pechado e 4,2 mm despregado, e un peso de 215 gramos. Ao abrirse, convértese nun auténtico estudo portátil con pantalla Dynamic AMOLED 2x de 8 polgadas, ideal para multitarefa, edición de contidos e experiencia inmersiva. Ademais, conta con Vision Booster e até 2600 nits de brillo máximo, para mellorar a experiencia das usuarias co terminal mesmo con luz solar directa.

A súa nova bisagra Amor FlexHinge é máis fina e lixeira, grazas a un deseño mellorado en forma de gota de auga e a unha estrutura que combina múltiples raíles que reducen as enrrugas visíbeis e reforzan a durabilidade.

No seu interior inclúe o procesador Snapdragon 8 Elite for Galaxy, unha versión personalizada para Samsung do chip máis potente de Qualcomm, optimizado para a implementación de solucións de Intelixencia Artificial (IA). Combínase con 12 GB de RAM e 256 ou 512 GB de memoria interna, ou ben con 16 GB de RAM e 1 TB de memoria para almacenamento de datos.

Destaca tamén a significativa mellora en cámara, coa primeira cámara principal de 200 MP na serie de móbiles encartábeis Galaxy Z. Xunto a este sensor temos un ultra gran angular de 12 MP e un teleobxectivo de 10 MP, completando a experiencia. Alberga ademais dúas cámaras frontais de 10 MP, unha para cando temos o teléfono pechado e outra para cando o abrimos.

O resto de especificacións técnicas inclúen unha batería de 4.400 mAh con carga de 25W, conectividade 5G e WiFi 7, nanoSIM/eSIM e seguridade reforzada con Knox Matrix e cifrado resistente a ataques cuánticos.

En canto ao software, ofrece funcionalidades de edición creativa asistida por IA, para borrar elementos, eliminar ruído de fondo ou crear contido sen esforzo. Tamén Galaxy AI con funcionalidades como Circle to Search, Gemini Live, Asistente de escritura ou de debuxo.

Galaxy Z Flip7: deseño compacto, potencia de peto

Pola súa banda, o novo Galaxy Z Flip7 aposta por un formato ultracompacto que encaixa nun peto pero que non renuncia a nada. A súa nova pantalla externa FlexWindow de 4,1 polgadas ocupa case toda a superficie exterior cando está pechado, e permite consultar notificacións, facer selfies, responder mensaxes ou controlar a música sen despregar o móbil. A experiencia complétase cunha pantalla flexíbel de 6,9 polgadas FHD+ de formato 21:9 cando está despregado.

Do seu interior destaca o procesador, de 3 mm e personalizado para Galaxy, ademais dunha batería de 4.300 mAh, 12 GB de RAM e opcións de 256 e 512 GB. Inclúe ademais, por primeira vez nun Flip, Samsung DeX, que permite converter o móbil nunha estación de traballo portátil.

En canto ás cámaras, a frontal é de 10 MP, mentres que na parte traseira Samsung optou por unha cámara de dobre sensor, cun ultra gran angular de 12 MP e outro de 50 MP. Destacan as opcións para selfie, con FlexCam, Vista previa dual e Zoom Slider.

Samsung Galaxy Z Flip FE, o encartábel barato de Samsung

Samsung tamén anunciou unha versión máis accesíbel, o Galaxy Z Flip FE, que conserva o deseño e moitas das funcións clave da serie Flip, mais nun menor tamaño.

Os principais sacrificios témolos nas pantallas, reducindo o seu tamaño, que pasan a ser de 6,7 e 3,4 polgadas. Pero tamén por dentro, onde conta cun procesador Exynos2400, 8 GB de RAM e opcións de 128 e 256 GB, ademais dunha batería de 4000 mAh.

Dispoñibilidade, prezo e promocións dos novos dispositivos de Samsung

Tanto o Galaxy Z Fold7 como o Galaxy Z Flip7 e a versión Flip7 FE estarán dispoñibles a partir do 25 de xullo, se ben as reservas xa están abertas tanto en distribuidores habituais como na páxina oficial de Samsung.

O fabricante ofrece diversas promocións de lanzamento, que inclúen o dobre de almacenamento ao mesmo prezo, accceso a Google AI Pro e 2 TB de almacenamento na nube durante 6 meses sen custo adicional, seguro de accidentes Samsung Care+ durante 3 meses, descontos por pago con Samsung Pay ou Bizum e tamén accesorios de balde se se cumpren certas condicións.

En canto aos prezos, o Galaxy Z Fold7 parte dos 2.109 € na versión de 256 GB. O modelo con 512 GB custa 2.229 € e o de 1 TB chega aos 2.529 €, aínda que coa oferta de dobre de almacenamento podemos mercar as versións de 512 GB e 1 TB a prezo de 256 GB e 512 GB, respectivamente.

Pola súa banda, o Galaxy Z Flip7 de 256 GB custa 1.209 € e o de 512 GB pódese mercar por 1.329 €, aínda que igualmente coa oferta do dobre de almacenamento queda agora en 1.209 €.

Por último, o Galaxy Z Flip7 FE queda nos 999 € con 128 GB, e por 1.059 € con 256 GB. Promocionalmente, poemos adquirir a versión de 256 GB por 999 €.

Con estes lanzamentos, Samsung afianza a súa posición como líder no segmento dos smartphones encartábeis, ao ofrecer dispositivos cada vez máis resistentes, intelixentes e prácticos, sen renunciar ao deseño e á innovación. Quen busque un móbil versátil, moderno e preparado para o futuro, tanto o Galaxy Z Fold7 como o Z Flip7 son opcións a ter moi en conta.

Sobre o autor

No Responses

Reply