“Sol”, o novo cable submarino de Google que conectará o Estado español e Florida pasando polas Azores e as Bermudas

Google Cloud vén de anunciar “Sol”, un novo cable submarino transatlántico que reforzará a conectividade entre o Estado español, os Estados Unidos, as Azores e as Bermudas. Será o segundo cable desta compañía en conectar directamente España con Norteamérica, tras o Grace Hopper, e promete multiplicar a capacidade de rede, reducir a latencia e impulsar o desenvolvemento económico das rexións implicadas.

Un raio de luz (e datos) no Atlántico

Con nome solar, e fabricado nos Estados Unidos, Sol será o único cable de fibra óptica activo entre Europa e Florida, unha ruta estratéxica para o tráfico de datos globais. O cable aterrará en Santander, grazas á colaboración coa operadora Telxius, e conectará co nodo de Palm Coast, en Florida, antes de bifurcarse cara ás Azores e as Bermudas.

A elección do nome non é casual: ademais de ser un símbolo de enerxía e conexión, reflicte o clima cálido dos puntos onde tocará terra. Trátase dun proxecto complementario ao cable Nuvem, que reforzará a resiliencia transatlántica e proporcionará redundancia á infraestrutura dixital existente.

Santander e Palm Coast: novos hubs dixitais globais

Para o Estado español, este proxecto é unha oportunidade clave. Segundo a alcaldesa de Santander, Gema Igual, este tipo de infraestruturas sitúan á cidade como referente para o teletraballo, a economía dixital e o modelo Smart City. Do outro lado do Atlántico, a vicealcaldesa de Palm Coast, Theresa Carli Pontieri, destacou que a chegada de Sol supón “moito máis que poñer á comunidade no mapa: é construír unha ruta directa cara á economía do mundo dixital”.

Ademais, o Goberno das Azores e das Bermudas celebraron tamén este avance, que posiciona ás illas como puntos estratéxicos no mapa mundial da conectividade dixital. Portugal, pola súa banda, destacou a importancia de reforzar a resiliencia das redes en Europa, clave para a competitividade dixital.

Unha infraestrutura ao servizo da nube e da IA

Cando entre en funcionamento, Sol reforzará a rede global de Google Cloud, que xa conta con 42 rexións e segue medrando. O obxectivo é claro: responder á crecente demanda de servizos na nube e de intelixencia artificial, tanto en Europa como en América, mellorando a capacidade, fiabilidade e latencia das conexións.

Con este tipo de infraestruturas, Google non só optimiza os seus propios servizos (como Search, Gmail, YouTube ou Bard/Gemini), senón que ofrece un soporte máis robusto para empresas e administracións que dependen de Google Cloud para operar e escalar solucións con IA.

Un paso máis cara a unha rede global máis rápida e fiable

O cable Sol vén sumarse a unha extensa rede de cables submarinos de Google, entre os que se atopan Grace Hopper (entre os EUA, Reino Unido e Euskal Herría (Bilbao); Nuvem, tamén con destino en Portugal e conexión a Carolina do Sur; Firmina, que une os EUA con América do Sur; e Equiano, entre Europa e África.

Esta aposta por controlar e mellorar a infraestrutura física permite a Google asegurar unha experiencia máis rápida, fiábel e segura para os seus servizos e clientes empresariais en todo o mundo.

Sobre o autor

Reply