A tecnoloxía está presente en todo o que facemos: no traballo, no tempo libre… e tamén no amor. E agora temos datos para comprobalo: máis do 70 % das galegas e galegos que viven en parella quéixanse de que a súa media laranxa usa demasiado o móbil cando están xuntos. Son datos do estudo Amor por la tecnología, realizado por PcComponentes, que analiza como os dispositivos dixitais inflúen nas relacións de parella e na convivencia diaria.
Cando o móbil se mete no medio da relación
O smartphone é, para moitas parellas, o terceiro en discordia. A súa presenza constante pode dificultar a comunicación directa e provocar conflitos. Segundo este informe, 43 % das persoas menores de 35 anos en Galiza impuxeron normas para limitar o uso do móbil en parella, como o modo avión, deixar os teléfonos fóra da mesa ou establecer “momentos libres de pantallas”.
Con todo, non todo son pegas. A pesar das friccións, o 76 % das persoas galegas están satisfeitas coa frecuencia de mensaxes e chamadas que reciben da súa parella, cifra que chega ao 84 % entre as menores de 35 anos.
Pero… tamén hai seguimento dixital. Un 20 % das persoas en Galiza recoñece revisar as redes sociais da súa parella para ver a quen segue ou que publica. E esta práctica medra até o 45 % no grupo de 35 a 44 anos, sendo máis común nas mulleres.
Apps que fan ‘match’ na parella
A tecnoloxía móbil tamén axuda a mellorar a convivencia. Máis da metade das persoas maiores de 45 anos xa utilizan aplicacións compartidas para organizar a vida diaria en parella: desde calendarios a listas da compra colaborativas. E outro 15 % está interesado en comezar a usalas.
Ademais, as aplicacións de citas seguen sendo un espazo importante para ligar. En Galiza, case un 30 % recoñece ter ligado algunha vez a través dunha app, unha cifra que sobe ata o 38 % entre a mocidade menor de 25 anos.
A tecnoloxía no fogar: paixóns e odios
No eido doméstico, a tecnoloxía tamén xoga un papel esencial. Para a maioría das persoas galegas, os imprescindíbeis do fogar son o frigorífico, o ordenador e a televisión. Entre a mocidade, a air fryer comeza a gañar terreo como dispositivo preferido.
Mais non todo son paixóns tecnolóxicas. A prancha é o aparello máis odiado polo público galego, segundo este estudo. Un 46 % afirma detestala, cifra que chega até o 84 % entre os 25 e os 34 anos. Pola contra, a televisión é vista como un instrumento de paz: o 56 % das persoas di que contribúe á harmonía da parella, e non é raro que sexa un dos elementos máis disputados en caso de ruptura.
Outro foco de discusión é o aire acondicionado, que para un 30 % xera conflitos polo seu consumo eléctrico durante as ondas de calor.
Á hora de mercar novos dispositivos, as galegas priorizamos a eficiencia enerxética (44 %) e o prezo (37 %). No caso das mulleres, a preocupación polo consumo elévase ata o 52 %, indicando unha maior sensibilidade cara a un uso máis sostíbel da tecnoloxía no fogar.
Tecnoloxía e afectos: buscando o equilibrio na vida en parella
En definitiva, o estudo de PcComponentes pon sobre a mesa como a tecnoloxía está cada vez máis presente na nosa vida afectiva e na convivencia diaria. Móstranos que, aínda que pode xerar friccións, tamén ofrece ferramentas valiosas para comunicarnos mellor, organizarnos e fortalecer os vínculos. O reto está en atopar o equilibrio, en usar a tecnoloxía como aliada sen que se converta nunha barreira entre as persoas.
