Despois da presentación da nova xeración de móbiles encartábis da compañía surcoreana —os Samsung Galaxy Z Fold7 e Z Flip7, que coñecemos a semana pasada no evento Unpacked—, o foco de atención móvese agora cara ao próximo integrante da familia S: o Samsung Galaxy S25 FE. Aínda sen data oficial de lanzamento, múltiples filtracións xa debuxan un perfil bastante completo deste modelo que promete combinar prestacións premium con un prezo contido.
Segundo a información avanzada por medios especializados, o Galaxy S25 FE manterá a estética do modelo anterior, pero cunha estrutura de Armor Aluminum que permitirá un corpo máis fino e lixeiro: 7,4 mm de grosor e 190 gramos, fronte aos 8,0 mm e 213 gramos do seu predecesor. Este cambio non só mellora a ergonomía, senón que achega o dispositivo ao deseño dos modelos máis avanzados da serie S.

Pantalla LTPO, mellor carga e chip Exynos 2400
Unha das novidades máis destacadas será a incorporación dunha pantalla LTPO de 6,7 polgadas, con frecuencia de refresco variable de 1 a 120 Hz, o que permitirá unha maior eficiencia enerxética. A resolución manterase en 1080p+, cun cristal Gorilla Glass Victus+, algo inferior ao que ofrece o S25+ (1440p+ e Victus 2), pero acorde co posicionamento do modelo FE.
En canto á batería, o Galaxy S25 FE contará cunha capacidade de 4.900 mAh (200 mAh máis que a xeración anterior), e finalmente dará o salto á carga rápida de 45W, un estándar que Samsung vai estendendo pouco a pouco á súa gama media e alta. Tamén se espera carga sen fíos de 15W, aínda que esta última non foi confirmada oficialmente.

O rendemento estará a cargo do procesador Exynos 2400, o que supón un aumento de potencia respecto ao modelo anterior. En canto á memoria, espérase unha configuración de 8 GB de RAM e opcións de almacenamento de 128, 256 e 512 GB. Como nas versións premium, o dispositivo contará con 7 anos de soporte de software, algo que se consolida como valor diferencial da gama Galaxy.
No apartado fotográfico, a única mellora prevista afecta á cámara frontal, que pasará de 10 MP a 12 MP, posiblemente coa inclusión de autofoco, como nos S25. As cámaras traseiras, en cambio, manteranse iguais: 50 MP principal, 8 MP telefoto con zoom 3x e 12 MP ultra gran angular, configuración xa coñecida nos modelos FE anteriores.
Lanzamento previsto para outubro
Samsung non confirmou aínda a presentación oficial do Galaxy S25 FE, pero, seguindo a liña dos dous modelos anteriores, espérase para comezos de outubro. Con todo o que sabemos, semella que será unha opción moi competitiva para quen busca un terminal potente, cun deseño refinado e longa vida útil, pero sen ter que pagar o prezo dun gama alta.
Se se confirma todo o filtrado, o Galaxy S25 FE podería converterse no modelo máis equilibrado da serie S en 2025. Agora só falta que Samsung faga oficial a súa chegada e desvele o prezo.
