A operadora DIGI volve ocupar o primeiro posto en rendemento de redes de fibra óptica no Estado español no primeiro semestre de 2025, segundo os datos da prestixiosa plataforma Speedtest de Ookla. Non só conserva o título de “Rede de fibra máis rápida de España”, senón que rexistra tamén a menor latencia a nivel estatal, confirmando a súa posición como líder en calidade e eficiencia da conexión á Internet.
Este recoñecemento baséase en máis de 13 millóns de probas de velocidade realizadas por usuarias en todo o Estado, durante os seis primeiros meses do ano. Os resultados, publicados no informe oficial de Ookla para España, outorgan a DIGI un Speed Score de 77,29 sobre 100, superando a todos os seus competidores en velocidade de descarga, carga e tempo de resposta da rede.
Máis de catro anos liderando o ránking
DIGI leva desde 2021 encadeando recoñecementos consecutivos como a rede fixa máis rápida, acumulando xa máis de catro anos de liderado. Isto é posíbel grazas ao despregamento da súa propia infraestrutura de fibra óptica, un proxecto no que a compañía leva investido de xeito sostido nos últimos oito anos e que xa cobre máis de 12,5 millóns de fogares no conxunto do Estado.
A baixa latencia rexistrada pola rede de DIGI tradúcese nunha experiencia de usuario máis fluída, especialmente importante para actividades sensíbeis ao tempo de resposta como videoconferencias, videoxogos online ou reprodución de contido en streaming en alta calidade.
Nun sector cada vez máis competitivo, DIGI continúa a destacar por ofrecer servizos avanzados a prezos moi accesíbeis, enfocándose principalmente no público residencial. A combinación de velocidade, estabilidade e baixo custo sitúan á empresa como unha opción cada vez máis popular entre as consumidoras.
A operadora, que chegou ao mercado español en 2008, forma parte do grupo internacional DIGI Communications, con sede en Romanía e presenza tamén en Portugal, Italia e Bélxica. O seu modelo baséase en achegar tecnoloxía avanzada sen complicacións, e os datos de Ookla confirman que está a cumprir con nota.
