Realme 15 Pro 5G: batería de 7.000 mAh, pantalla superbrillante e IA avanzada para conquistar a gama media

O novo Realme 15 Pro 5G xa é oficial e promete revolucionar a gama media cunha combinación de especificacións que roza o nivel premium. O seu lanzamento será o 24 de xullo na India, pero xa coñecemos algúns dos detalles máis impactantes deste dispositivo, que chegará con batería de 7.000 mAh, pantalla AMOLED de até 6.500 nits de brillo pico e características avanzadas de IA

Principais características desveladas

Se por algo vai destacar o novo Realme 15 Pro é pola súa inxente batería de 7.000 mAh, a maior da súa categoría, ideal para quen busca autonomía para todo o día sen preocupacións. Acompañada de carga rápida de 80 W por USB-C, permite recargas áxiles sen ter que pasar horas pegadas ao enchufe. Malia esta capacidade, o deseño mantense delgado e elegante, cun grosor de só 7,69 mm, un verdadeiro logro técnico desta compañía que está a sumar éxitos nos seus poucos anos de vida.

Outro dos grandes reclamos do Realme 15 Pro é a súa pantalla HyperGlow 4D Curve+ AMOLED, que acada unha brillantez máxima de 6.500 nits, ideal para uso exterior, mesmo baixo luz solar directa. Ademais, incorpora taxa de refresco de 144 Hz para fluidez extrema en xogos e navegación; resposta táctil de 2.500 Hz, perfecta para gaming competitivo; e protección Gorilla Glass e relación pantalla-corpo do 94 %.

No seu interior, o Realme 15 Pro 5G aposta polo Snapdragon 7 Gen 4, un chip de 4 nm que ofrece até un 27 % máis de rendemento respecto á xeración anterior. Pensado para xogos e multitarefa, está optimizado tanto para potencia como para eficiencia enerxética. O terminal tamén vén con certificación IP69, o que garante resistencia a po e auga en condicións extremas.

Como era de agardar, Realme tamén incorpora novidades baseadas en intelixencia artificial (IA), como o novo AI Edit Genie, que permite editar fotos por comandos de voz, ou o AI Gaming Coach 2.0 e o AI Ultra Touch Control, deseñados para mellorar a experiencia de xogo móbil.

Dispoñibilidade do Realme 15 Pro 5G

Como xa avanzamos, será o 24 de xullo cando este dispositivo sexa anunciado oficialmente na India, con toda seguridade como paso previo ao seu desembarco internacional. O dispositivo estará dispoñíbel en catro cores: Flowing Silver (prata), Silk Purple (violeta), Velvet Green (verde) e Silk Pink (rosa).

A compañía aínda non revelou os detalles completos da cámara, pero promete anuncios inminentes. Tendo en conta o resto das especificacións, espérase que a fotografía estea á altura do conxunto.

Con esta combinación de batería, pantalla, rendemento e deseño, o Realme 15 Pro 5G perfílase como un dos mellores móbiles de gama media do 2025. Haberá que estar atentas para coñecer todos os detalles, especialmente no apartado fotográfico.

Sobre o autor

Reply