A poucos días de que Google presente oficialmente a súa nova xeración de smartphones, unha filtración masiva revelou os prezos dos Pixel 10 no noso país A información, compartida polo coñecido filtrador Roland Quandt, anticipa unha gama continuísta en deseño pero con cambios clave no interior e tamén no peto.
Un salto interno, pero sen revolución visual
A familia Pixel 10 manterá unha estética moi semellante á da xeración anterior, os Pixel 9. A gran diferenza estará no novo procesador Tensor G5, desenvolvido por TSMC, deixando atrás a colaboración con Samsung.
Este cambio podería implicar melloras no rendemento e eficiencia, pero tamén introduce incertidumes sobre os custos de produción, algo que afecta directamente ao prezo final dos dispositivos.
Pixel 10: prezos oficiais filtrados
Segundo a filtración, os prezos dos Pixel 10 serán os seguintes:
- Google Pixel 10. A versión de 128 GB custaría 899 €, e a de 256 GB ascendería a 999 €.
- Google Pixel 10 Pro. Poderase mercar con catro opcións de memoria: 128 GB (1099 €), 256 GB (1199 €), 512 GB (1329 €) ou 1 TB (1589 €).
- Google Pixel 10 Pro XL. Elimina a versión de 128 GB, deixando as alternativas de 256 GB (1299 €), 512 GB (1429 €) ou 1 TB (1689 €).
- Google Pixel 10 Pro Fold. Igualmente, o modelo encartábel ofrece tres versións: 256 GB (1899 €), 512 GB (2029 €) ou 1 TB (2289 €).
A filtración tamén recolle o prezo dos auriculares Pixel Buds 2a que custarán 149 €, 40 € máis ca o modelo anterior.
Como pode verse, os modelos base mantéñense nos prezos da xeración anterior, algo que se agradece tendo en conta a forte suba de prezos que houbo ao pasar dos Pixel 8 aos Pixel 9.
Porén, o Pixel 10 Pro XL elimina a opción de 128 GB, o que na práctica implica unha suba do prezo mínimo para ese modelo. Ademais, o Pixel 10 Pro Fold non baixa de prezo como se rumoreaba, mantendo os 1.899 € de partida. E, como sorpresa final, os novos auriculares Pixel Buds 2a chegan con un incremento de 40 euros, xustificado presumibelmente por unha maior integración con tecnoloxías como Gemini.
O reto da calidade/prezo
Google semella estar a apostar por unha gama premium consolidada, onde a relación calidade/prezo será o factor clave. Aínda que os prezos non son precisamente baixos, as melloras no procesador e a potencia das novas funcións poderían compensar.
Queda por ver se, unha vez nos poñamos os dispositivos na man, estes Pixel 10 convencen tanto como prometen sobre o papel.
