O segundo trimestre de 2025 deixa movementos interesantes no panorama das plataformas de streaming por subscrición (SVOD). Segundo os últimos datos de JustWatch, baseados na actividade de 4,5 millóns de usuarias mensuais en todo o Estado español, Netflix mantense na cabeza, mais outras plataformas comezan a gañar terreo.
Netflix lidera, mais perde forza
Netflix continúa como a plataforma máis usada, aínda que perdeu un punto porcentual respecto ao primeiro trimestre do ano. Prime Video, que conserva o segundo posto, tamén rexistra unha baixada de 2 puntos. En terceira posición segue Disney+, cunha cota do 16%, mentres que Max (antigo HBO Max) cae até o 12%.

Apple TV+, Filmin e Movistar+ soben postos
As grandes protagonistas deste trimestre son Apple TV+, Filmin e Movistar+. A plataforma da mazá logra manterse por segundo trimestre consecutivo cunha cota superior ao 10%, reforzando así a súa posición como unha alternativa sólida. Pola súa banda, Filmin —incluíndo Filmin Plus— medra até acadar o 5% do mercado, mentres que Movistar+ sobe ata o 4%.
Estas subidas indican un cambio nas preferencias das persoas usuarias, que cada vez valoran máis o catálogo de cinema independente, europeo e de autor, como o que ofrece Filmin, así como a integración de contidos e servizos que proporciona Movistar+.

Un mercado que se diversifica
Aínda que plataformas como Netflix e Prime Video seguen dominando, a diversificación é cada vez máis evidente. Atresplayer, por exemplo, mantense cun discreto 2% de cota de mercado, mais evidencia que existen espazos para opcións especializadas.
Este dinamismo obriga ás plataformas a reinventarse continuamente, mellorar a experiencia das usuarias e apostar por contidos de calidade e localización lingüística, un punto no que Filmin leva tempo marcando diferenzas coa súa oferta de filmes e series en versión orixinal e subtituladas en galego.
