Uns aliados compactos para as nosas viaxes: probamos o cargador e cable Baseus PicoGo

No verán, os trebellos convértense en compañeiros inseparábeis: móbiles, tablets, portátiles, auriculares sen fío… e todos eles teñen algo en común: a fame de batería. Viaxamos máis, sacamos máis fotos, empregamos mapas… en definitiva, usamos os dispositivos con moita máis intensidade.

Aquí é onde un bo cargador pode marcar a diferenza. E se é pequeno, potente e fiábel, mellor que mellor. Neste contexto, nas últimas semanas estivemos a probar dous accesorios de Baseus que veñen dispostos a facerse un oco nas nosas mochilas de verán: o cargador PicoGo 45 W GaN e o cable magnético de 240 W.

Máis pequeno do que pensas, máis potente do que parece

O cargador Baseus PicoGo sorprende á primeira ollada polo seu tamaño: 3,3 x 3,3 x 3,75 cm, e tan só 83 gramos de peso. A clave está na tecnoloxía GaN (nitruro de galio), que substitúe o silicio tradicional para acadar maior eficiencia térmica e menor tamaño, iso si, sen renunciar á potencia. Falamos de 45 W, unha potencia de carga que permite cargar un móbil de última xeración, unha tablet ou mesmo un portátil.

Nas nosas probas, o rendemento estivo á altura do prometido: o noso Galaxy S24 Ultra acadou o 60% da carga en media hora, e tamén puidemos cargar portátiles Huawei e Lenovo nun 40% no mesmo tempo. E todo iso sen comprometer a temperatura, que se mantivo estábel grazas a un sistema de monitorización continua (720.000 veces por hora) ou o uso de materiais condutores como o grafeno.

Un cable que di adeus aos nós

O outro protagonista é o cable USB-C Baseus PicoGo Magnetic, que se vende por separado pero que encaixa perfectamente coa proposta do cargador. Está fabricado con material TPE suave, ten unha lonxitude dun metro e soporta até 240 W de potencia.

Porén, para nós, a súa característica máis destacada é o sistema de recollida automática magnética, coa que podemos dicir adeus aos enredos de cables, recolléndose facilmente cando non o esteamos a usar. Logo de varias semanas de uso, o cable segue como novo, mesmo en situacións de moito movemento, como mochilas.

oplus_16

Deseño para levar (e para diferentes gustos)

Ambos produtos están dispoñíbeis en varias cores (negro, branco, azul e rosa), con acabados minimalistas, robustos e moi agradábeis ao tacto. Son, ademáis, compatíbeis cos principais estándares de carga rápida do mercado (PD3.0, QC3.0, PPS…), o que significa que funcionan con case calquera dispositivo actual, sexa Android, iOS ou mesmo portátiles con entrada USB-C.

Pero no fondo, o que máis valoramos é que estes accesorios encaixan á perfección no que buscamos no verán (ou todo o ano): gadgets compactos, fiábeis e versátiles. O cargador Baseus PicoGo 45 W GaN e o cable magnético son ideais para viaxar lixeiras, non pelexar cos nós dos cables e non depender de múltiples adaptadores.

oplus_16

Tanto o cargador Baseus PicoGO GaN 45 W, como o cable magnético PicoGo 240W USC-C a USB-C poden adquirirse en Amazon por 27,99 € e por 19,99 €, respectivamente, así como na propia tenda en liña da marca e outras empresas distribuidoras.

Este artigo contén enlace de afiliados. Se mercas o dispositivo, a ti sáeche ao mesmo prezo, e nós recibimos unha pequena comisión que nos axuda a manter este proxecto.

Sobre o autor

Reply