A celebración do Día da Patria Galega vén este ano con regalo dixital: PuntoGal e Raiola Networks veñen de lanzar Omeu.gal, o primeiro servizo de correo electrónico totalmente en galego, gratuíto e cun dominio personalizado .gal. Unha ferramenta pioneira que une tecnoloxía, identidade e accesibilidade para darlle á nosa lingua o espazo que merece tamén no mundo dixital.
Correo galego, libre e seguro
Omeu.gal permite crear unha conta de correo personalizada baixo o dominio .gal, con 3 GB de espazo dispoñíbel, acceso seguro SSL e compatibilidade total con navegadores web, dispositivos Android e iOS. A única condición? Hai que empregalo polo menos unha vez cada tres meses, para manter activa a conta.
Este novo servizo está baseado en software libre, cunha interface que se actualiza constantemente, e conta cun sistema de axuda tamén en galego. O proceso de alta é sinxelo: só se precisa un correo alternativo para recuperar o contrasinal e algúns datos básicos das usuarias para abrir a conta.
Un lanzamento que pon en valor a cultura galega na rede
O lanzamento de Omeu.gal coincide intencionadamente co 25 de xullo, Día da Patria Galega, como mostra do compromiso de PuntoGal e Raiola Networks coa promoción da cultura e da lingua galega a través da Internet. Esta iniciativa busca garantir que tamén os servizos dixitais básicos —como o correo electrónico— poidan estar dispoñibles na nosa lingua.
Ademais, esta colaboración pioneira dará lugar nos próximos meses a unha versión premium, de pagamento, con opcións avanzadas como máis capacidade (até 10 GB), uso dun dominio personalizado e outras funcionalidades extra que inclúen aplicación nativa.
Quen está detrás de Omeu.gal
Detrás de Omeu.gal están PuntoGal e Raiola Networks. PuntoGal é a entidade que xestiona o dominio .gal, co obxectivo de fortalecer a comunidade galega en liña arredor da lingua, a cultura e a identidade do país. Participa activamente en foros internacionais como a ICANN, e destina parte dos seus recursos a apoiar proxectos de interese social, tecnolóxico ou cultural.
Pola súa banda, Raiola Networks é unha empresa lucense referente no sector do aloxamento web e dominios. Fundada en 2014, conta cun equipo de preto de 60 profesionais e presta servizo a máis de 60.000 clientes en todo o mundo. A súa aposta pola innovación, a calidade de servizo e o compromiso con Galiza convértena na aliada perfecta para dar vida a este proxecto.
Por que apostar por Omeu.gal
Omeu.gal non é só un servizo de correo electrónico máis. É unha aposta pola soberanía tecnolóxica, pola normalización da lingua galega na rede e pola liberdade de escoller ferramentas que respeiten e promovan a nosa identidade. Ademais, pode ser especialmente útil cando botamos en falta ter á man un correo alternativo e fiábel, sen depender de grandes plataformas globais.
Podes reservar a túa conta en omeu.gal
