CMF Watch 3 Pro: novo reloxo intelixente con ChatGPT e enfoque deportivo

A marca CMF by Nothing acaba de lanzar oficialmente no noso país seu novo reloxo intelixente, o CMF Watch 3 Pro, un dispositivo que destaca pola súa integración con ChatGPT, deseño moderno, funcionalidades deportivas avanzadas e un prezo moi competitivo: 99 euros.

Deseño refinado, máis pantalla e enfoque deportivo

O CMF Watch 3 Pro mellora notabelmente respecto ao seu predecesor. Incorpora unha pantalla AMOLED de 1,43 polgadas, con marcos ultrafinos que ofrecen un 10 % máis de superficie útil, ideal para visualizar as 120 esferas personalizábeis que incorpora, incluíndo opcións con fotos, vídeos e deseños xerados por intelixencia artificial. Está dispoñíbel en tres cores: Dark Grey, Light Grey e Orange, todas con certificación IP68, o que garante resistencia á auga e ao po.

Pensado para persoas activas, o reloxo ofrece resumos post-adestramento xerados por IA, que inclúen tempo de recuperación estimado, análise do rendemento e predicións para probas de 5K e 10K. Detecta automaticamente sete tipos de actividades, e dispón de 131 modos deportivos, incluíndo un adestrador de running personalizado.

A monitorización da saúde tamén é completa: ritmo cardíaco, sono, SpO2, estrés, benestar feminino, recordatorios de hidratación e exercicios de respiración guiada. Para as actividades ao aire libre, conta cun sistema GPS de dobre banda con cinco sistemas de posicionamento, que mellora precisión e velocidade de localización.

O CMF Watch 3 Pro ofrece unha autonomía de até 13 días, dous máis que o modelo anterior, e carga completa en 99 minutos. Funciona coa nova app Nothing X, compatíbel con Google Health Connect, Strava e Apple Health, facilitando a integración con outras plataformas de saúde.

ChatGPT no pulso: un asistente persoal sempre dispoñíbel

Máis aló de todo o seu hardware, a gran novidade do CMF Watch 3 Pro é a súa integración nativa con ChatGPT, permitindo interactuar coa IA de forma natural a través de comandos de voz.

Podemos facer preguntas, crear recordatorios ou consultar información directamente desde o pulso. Ademais, incorpora unha gravadora con transcrición automática, ideal para tomar notas rápidas.

Dispoñibilidade e prezo

Por 99 euros, o CMF Watch 3 Pro sitúase como unha das opcións máis completas da súa gama. A súa combinación de intelixencia artificial, deseño atractivo e funcionalidades deportivas avanzadas fan del un reloxo ideal tanto para quen quere coidar a saúde como para quen busca produtividade sen depender constantemente do móbil.

Con este lanzamento, Nothing demostra que é posíbel ofrecer un reloxo intelixente elegante, útil e con IA por un prezo axustado. O CMF Watch 3 Pro pode converterse nun compañeiro ideal para o día a día, tanto no traballo coma no adestramento. Un dispositivo que pon a tecnoloxía máis avanzada ao alcance de todas as persoas.

Este artigo contén enlace de afiliados. Se mercas o dispositivo, a ti sáeche ao mesmo prezo, e nós recibimos unha pequena comisión que nos axuda a manter este proxecto.

Sobre o autor

Reply