O mercado dos coches eléctricos urbanos está que ferve, e Honda quere reclamar o seu espazo cun modelo que xa está a dar que falar: o Honda N-One e:. Este pequeno vehículo eléctrico de estética retro, inspirado nos populares kei cars xaponeses, combina deseño con personalidade, tecnoloxía moderna e un prezo que promete competir de ti a ti con opcións como o Dacia Spring.
Un deseño co que é imposible pasar desapercibido
Con apenas 3,40 metros de longo e unha carrocería cúbica, o N-One e: aproveita ao máximo cada centímetro para ofrecer un interior sorprendentemente amplo. De feito, a marca asegura que pode acoller con comodidade unha familia de catro persoas, algo nada común nun coche destas dimensións.
Os faros redondos dianteiros son un dos elementos máis distintivos, evocando modelos como o desaparecido Honda e, mentres que o resto da liña mantén ese equilibrio entre nostalxia e modernidade que tanto gusta nos kei cars. Trátase dun deseño que non só resulta atractivo visualmente, senón tamén funcional no contexto urbano europeo.
240 km de autonomía e tecnoloxía pensada para o día a día
Honda anuncia unha autonomía duns 220-240 quilómetros segundo os estándares europeos, unha cifra que se ben non é excesivamente abultada, resulta máis que suficiente para desprazamentos diarios en contornos urbanos.
A nivel tecnolóxico, o modo de condución “one pedal” permite manexar o coche utilizando principalmente o pedal do acelerador, grazas á freada rexenerativa. Ademais, conta con carga bidireccional (V2H), polo que pode alimentar dispositivos ou mesmo unha vivenda, aproveitando a enerxía acumulada na súa batería.
Un novo rival para o Dacia Spring (e moitos máis)
O Honda N-One e: sitúase no radar de quen busca un vehículo eléctrico compacto, accesíbel e con estilo, e entra directamente na competición con modelos como o Dacia Spring, o FIAT 500e ou o novo KIA EV1. Aínda que está pensado para conquistar primeiro o mercado xaponés (onde sairá no outono de 2025), a súa chegada a Europa está prevista para 2026.
Ese ano o panorama será especialmente competitivo, coa chegada de propostas como o Renault Twingo eléctrico, o Volkswagen ID.1 ou o KIA EV4, todas apostando por achegar o coche eléctrico ao gran público sen renunciar ao deseño ou ás prestacións.
