Coincidindo coa celebración do festival SonRías Baixas, que reunirá a milleiros de persoas en Bueu durante esta semana, Telefónica anunciou o reforzo da súa rede móbil 5G para garantir unha boa cobertura de datos e voz na vila do Morrazo.
Este reforzo insírese dentro da estratexia da compañía para o verán, coa que busca garantir a máxima calidade de servizo en eventos multitudinarios e nos concellos con gran afluencia turística. En total, Telefónica realizou actuacións especiais de mellora en 42 localidades galegas (34 de costa e 8 de interior), a maiores do despregamento permanente de 5G existente nos 80 concellos máis turísticos de Galiza, dos cales 50 xa dispoñen de 5G de altas prestacións na banda de 3.500 MHz.
Ademais de Bueu, outros lugares que contan con reforzos específicos son Sanxenxo, Baiona, Vilagarcía, Viveiro, Burela, Foz, Ortigueira, Muxía, Carballo ou O Carballiño. A cobertura tamén foi mellorada de xeito puntual en máis de 100 eventos que se celebraron ou se celebrarán nas vindeiras semanas por toda a xeografía galega. Entre eles destacan citas como o Arde Lucus en Lugo, O Marisquiño en Vigo, a Romaría Vikinga de Catoira, o festival Portamérica, a Festa da Peregrina en Pontevedra, o Silfest en Valdeorras, a Festa do Pulpo de O Carballiño, o Atlantic Fest en Vilagarcía, a Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña ou a Festa do Albariño en Cambados.
Con esta iniciativa, Telefónica busca dar resposta ao incremento da demanda de conectividade que se produce durante os meses de verán, garantindo unha experiencia de usuario fluída tanto para visitantes como para residentes.
