Movistar está a marcar distancias na carreira polo 5G máis rápido no conxunto do Estado español. O operador azul acadou xa 8.178 nodos na banda de 3,5 GHz, a frecuencia clave para ofrecer máis capacidade e velocidade, duplicando as cifras de MasOrange e cuadriplicando as de Vodafone.
Movistar aposta pola velocidade
Segundo datos do Ministerio para a Transformación Dixital publicados a finais da semana pasada, Movistar sumou 1.229 nodos na banda de 3,5 GHz desde marzo, pasando de 6.958 a 8.178.
Este crecemento supón un ritmo de despregamento moi superior ao da competencia, que se sitúa en 623 nodos, no caso de MasOrange (de 3.631 a 4.254); e en 265 nodos, no de Vodafone (de 1.903 a 2.168).
O avance de Movistar reforza o seu liderado na infraestrutura de 5G rápido, mantendo unha cobertura e rendemento superiores nas zonas onde esta banda é determinante.
Estratexias opostas no sector
O ritmo máis lento de Vodafone explícase polo novo enfoque do seu propietario, Zegona, que está a priorizar a monetización de activos e a creación de empresas de fibra (FiberCos) con MasOrange e Telefónica. Esta estratexia busca maximizar o retorno dos investimentos existentes, reducindo a expansión acelerada da rede 5G.
Banda de 700 MHz: outra batalla en xogo
Se ben a banda de 3,5 GHz é a máis rápida, a de 700 MHz é esencial para mellorar a cobertura en interiores e zonas rurais. Aquí, a competencia está máis igualada.
No mesmo período, Movistar pasou de 10.979 a 11.934 nodos (+955); MasOrange de 10.195 a 10.851 nodos (+656) e Vodafone: de 7.397 a 8.092 nodos (+695). Con estas cifras, todos cumpren cos requirimentos marcados polo Goberno no 2021 para os despregamentos nesta frecuencia.
