Apenas dous meses despois do lanzamento oficial de Android 16 para dispositivos Pixel —e coa nova xeración de Galaxy Z Fold 7, Z Flip 7 e Z Flip 7 FE chegando xa con Android 16 (One UI 8) preinstalado—, xa comezan a aparecer as primeiras pistas sobre a próxima gran actualización do sistema operativo móbil de Google: Android 17.
Segundo revelou o analista Mishaal Rahman nun boletín de Android Authority, Google empregará internamente o nome en clave Cinnamon Bun para referirse a esta versión, identificada como API level 37. Igual que coa actual “baklava” (Android 16), este alcume non será visible na marca comercial final, pero formará parte do ciclo interno de desenvolvemento e das primeiras betas para desenvolvedores.
Unha tradición doce que sobrevive ao cambio de estratexia
Desde Android 10, Google abandonou oficialmente os nomes de sobremesas nas súas campañas de márketing, optando por numerar as versións. Porén, internamente seguiu asignando nomes doces a cada actualización, algo que comezou con Android 1.5 Cupcake. Co salto ao modelo de desenvolvemento trunk-based, pensado para acelerar lanzamentos e evitar ineficiencias, a tradición parecía en perigo, pero segue moi viva.
Con “Cupcake” xa ocupado no pasado, Google tivo que buscar unha alternativa creativa para a letra “C”, e “Cinnamon Bun” encaixa á perfección. É probábel que vexamos esta denominación por primeira vez no apartado Axustes > Sobre o teléfono das primeiras “developer previews” de Android 17, antes de que se substitúa polo nome oficial cando a plataforma acade a estabilidade.
Calendario previsto para Android 17
Se Google mantén o mesmo ritmo que coa versión anterior, a primeira Developer Preview de Android 17 podería chegar en novembro de 2025, seguida polas betas a comezos de 2026. Aínda non hai detalles confirmados sobre as novidades e funcións que traerá esta actualización, pero non deberiamos tardar moito en coñecelas.
O que si está claro é que, aínda que “Cinnamon Bun” non apareza en anuncios nin campañas publicitarias, os máis fieis á historia de Android seguiremos desfrutando desta curiosa tradición interna que mestura tecnoloxía e gastronomía doce.
