Vodafone deu un novo paso para facer máis accesíbel a súa conexión Internet Portátil 5G (anteriormente coñecida como Hogar 5G), a alternativa móbil á fibra pensada para segundas residencias ou para levar a conexión a calquera lugar. A operadora reduciu prezos, ampliou opcións e mantén o router 5G de última xeración incluído de serie para quen cumpra 12 meses de permanencia.
Este é o segundo gran axuste de tarifas en pouco máis dun ano: no verán pasado xa se reformulara a oferta, pero agora os prezos baixan de maneira considerábel, mantendo a velocidade e engadindo máis flexibilidade nas opcións móbiles.
Velocidades e cobertura
O servizo ofrece até 1 Gbps de descarga e 150 Mbps de subida en zonas con cobertura 5G na banda 78, aínda que Vodafone avisa de que a velocidade real pode variar entre 20 Mbps e 500 Mbps segundo a área. Fóra do 5G, o router recorre á rede 4G con velocidades de até 150 Mbps.
A conexión está pensada para funcionar en lugares sen fibra óptica, ofrecendo unha experiencia semellante á FTTH pero cunha vantaxe clave: mobilidade total. Pódese usar como conexión principal na vivenda habitual, na segunda residencia ou en viaxes, sempre que haxa cobertura 4G ou 5G.
Novas tarifas máis axustadas
Todas as opcións de Vodafone Internet Portátil 5G inclúen liña fixa con chamadas ilimitadas a fixos e móbiles, e o mesmo rendemento de rede. A diferenza está no servizo móbil engadido:
- Internet Portátil 5G (sen móbil): 20 €/mes
- Internet Portátil 5G + móbil 50 GB (despois ilimitados a 2 Mbps): 30 €/mes
- Internet Portátil 5G + móbil 150 GB (despois ilimitados a 2 Mbps): 35 €/mes
- Internet Portátil 5G + móbil ilimitado: 40 €/mes
O equipo incluído é o router ZTE MC801A, con WiFi 6 de dobre banda, MIMO 2×2, velocidades próximas ao giga e dous portos Ethernet.
Se comparamos cos plans vixentes desde o verán do 2024, vemos que agora, por exemplo, o plan de 150 GB custa 35 €, o mesmo que antes custaba o de só 25 GB, e o plan de móbil ilimitado baixa de 45 € a 40 €. Tamén se engade unha opción de 20 € ao mes sen móbil, inexistente na versión anterior.
Condicións e permanencia
Para poder contratar o servizo, e aínda que na práctica é unha solución móbil, Vodafone comproba que a vivenda principal do titular teña cobertura 5G suficiente en interiores, garantindo así unha conexión de calidade.
A permanencia mínima é de 12 meses, cunha penalización de até 200 € se se cancela antes. Pasado o ano, o router queda en propiedade.
