PRO Elite V3 Type-C USB 3.2 Gen 2: probamos a memoria ultrarrápida para creativos e profesionais en mobilidade

Os nosos dispositivos adoitan incluír memorias de grande capacidade, mais mover aquivos de gran tamaño entre eles adoita non ser unha tarefa agradábel. Xa sexa por limitacións de velocidade, incompatibilidades de conexión ou polo tempo que perdemos agardando, a transferencia de ficheiros pesados, como vídeos en alta resolución, pode converterse nunha verdadeira proba de paciencia.

Neste contexto, contar cunha unidade de almacenamento versátil, rápida e fácil de usar é fundamental para quen traballa ou crea contidos a diario. A PNY PRO Elite V3 Type-C USB 3.2 Gen 2 Flash Drive que vimos de probar, preséntase como a solución perfecta: un pendrive compacto, elegante e extremadamente rápido, capaz de mover arquivos masivos en cuestión de segundos, conectándose directamente tanto a ordenadores como a móbiles ou tabletas con USB-C.

Un deseño elegante e preparado para durar

A PRO Elite V3 Type-C non só destaca pola súa velocidade, senón tamén polo seu aspecto e resistencia. O seu corpo metálico de acabado premium transmite solidez e profesionalidade, á vez que protexe o dispositivo fronte a golpes, rozaduras e o desgaste do uso diario.

O mecanismo de tapa deslizante engade un plus de comodidade, evitando que se perda e protexendo o conector cando non está en uso. O que si, ao conectalo, debemos manter un dedo na parte posterior para evitar que se retraa o conector.

A compatibilidade é outro dos seus grandes puntos fortes. Grazas ao conector USB-C, funciona sen adaptadores tanto en portátiles e ordenadores de sobremesa modernos como en smartphones e tablets compatíbeis. Isto simplifica enormemente o traballo para persoas que precisan desprazarse con frecuencia, permitindo intercambiar arquivos entre dispositivos sen cables adicionais nin configuracións complexas.

Rendemento: velocidade a outro nivel

Durante as nosas probas, puxemos á PNY PRO Elite V3 Type-C USB 3.2 Gen 2 á altura das tarefas máis esixentes: mover 85 GB de ficheiros de vídeo en 4K desde un smartphone a un portátil con USB-C. O resultado foi sorprendente, e se ben non se acadaron as velocidades máximas teóricas (1000 MB/s en lectura e 800 MB/s en escritura), conseguímolos traspasar en apenas 2 minutos e medio.

Sorprendeunos especialmente que o rendemento mantense estable incluso con arquivos moi pesados, o que a converte nunha aliada perfecta para calquera profesional que precise mover material rapidamente entre diferentes dispositivos, como creadores de contido, fotógrafos ou videógrafos, por poñer algúns exemplos.

Unha ferramenta imprescindíbel para o día a día profesional

Tras as nosas probas, podemos concluír que esta é unha desas memorias USB que non só cumpre co prometido, senón que supera as expectativas. A súa velocidade extrema fai que mover arquivos de gran tamaño entre dispositivos sexa cuestión de segundos.

O deseño resistente e compacto permite levala sempre enriba, mentres que a compatibilidade con dispositivos USB-C abre un abano enorme de posibilidades, desde traballar entre varios ordenadores até transferir contidos directamente ao móbil ou á tablet.

Para quen traballa con prazos axustados ou non pode permitirse perder tempo agardando a que remate unha transferencia, esta memoria é unha aliada perfecta. Unha aposta segura que combina rendemento, estilo e fiabilidade.

Dispoñíbel con capacidades de 256 GB, 512 GB, 1 TB e ata 2 TB, pode adquirse por un prezo de partida de 39,99 € para a versión de 256 GB.

Este artigo contén enlace de afiliados. Se mercas o dispositivo, a ti sáeche ao mesmo prezo, e nós recibimos unha pequena comisión que nos axuda a manter este proxecto.

Sobre o autor

Reply