Google vén de celebrar hoxe á tardiña o seu evento de verán Made by Google. Unha cita esperada por moitas, xa que nela deuse a coñecer a décima xeración dos seus teléfonos Pixel: os Pixel 10, Pixel 10 Pro e Pixel 10 Pro XL, que chegan con novidades de deseño, cámaras máis avanzadas e o novo procesador Tensor G5, desenvolvido en colaboración con Google DeepMind.

Estes terminais destacan tamén por incorporar Gemini Nano, o modelo de intelixencia artificial que permitirá experiencias proactivas directamente no dispositivo, sen depender sempre da nube.
Un deseño renovado e máis sostíbel
A familia Pixel 10 mantén a xa icónica barra de cámara, mais cun acabado máis refinado e empregando a maior cantidade de materiais reciclados vista até o de agora nun Pixel. Os tres modelos son compatíbeis con PixelSnap e carga inalámbrica Qi2, ademais de incorporar accesorios magnéticos específicos.
O Pixel 10 estándar chega cunha pantalla Actua de 6,3 polgadas, agora con brillo de 3000 nits, marco metálico satinado, vidro traseiro pulido e catro cores expresivas: obsidiana, glaciar, índigo e verde lima. Ademais, mellora o son con baixos máis potentes para unha experiencia multimedia completa.

No apartado fotográfico, incorpora por vez primeira unha lente teleobxectivo de 5x, con calidade óptica de ata 10x e un Zoom de Alta Resolución de ata 20x.
Pixel 10 Pro e 10 Pro XL: a experiencia máis completa
Os modelos “pro”, o Pixel 10 Pro (6,3”) e Pixel 10 Pro XL (6,8”), ofrecen o mellor da serie: pantallas Super Actua máis brillantes, un sistema de cámara traseira tripla, baterías de maior capacidade, 16 GB de RAM, altofalantes mellorados e carga máis rápida.

Ademais, son os únicos en estrear o Zoom con Resolución Pro, un sistema que combina o Tensor G5 co novo modelo de imaxe xerativa para ofrecer zoom de ata 100x, recuperando detalles sen perder calidade. Estarán dispoñíebis en obsidiana, porcelana e nos novos acabados pedra lunar e jade.
Tensor G5 e Gemini Nano: a aposta pola IA
A gran revolución desta xeración de dispositivos Pixel chega co chip Tensor G5, o máis potente creado por Google ata o de agora. Non só garante maior rendemento, senón que tamén está optimizado para executar Gemini Nano, permitindo que moitas experiencias de IA se procesen no propio dispositivo.

Un dos exemplos é o Asistente de Cámara, que suxire composicións e encadres alternativos, pensado tanto para persoas que comezan na fotografía como para quen busca novas inspiracións creativas.
Prezo e dispoñibilidade
Os novos Pixel xa se poden reservar a través da Google Store e outros moitos outros partners, como Amazon, cun prezo de partida de 899 € (Pixel 10), 1099 € (Pixel 10 Pro) ou 1299 € (Pixel 10 Pro XL).
Os dous modelos Pro inclúen, ademais, un ano de Google AI Pro. A chegada oficial ás tendas está prevista para o 28 de agosto de 2025.
Este artigo contén enlace de afiliados. Se mercas o dispositivo, a ti sáeche ao mesmo prezo, e nós recibimos unha pequena comisión que nos axuda a manter este proxecto.
