realme Note 70T: batería de 6000 mAh e resistencia de nivel militar por menos de 120 €

realme vén de presentar o realme Note 70T, un novo smartphone de gama de entrada que aposta por ofrecer gran autonomía, resistencia e rendemento fiábel a un prezo moi competitivo.

realme Note 70T: principais características

O realme Note 70T integra o procesador Unisoc T7250, unha versión mellorada do T615 fabricada en 12 nm, con oito núcleos (2 Cortex-A75 a 1,8 GHz e 6 Cortex-A55 a 1,6 GHz) e GPU Mali-G57 MP1. Executa Android 15 con realme UI 5.0, garantindo unha experiencia fluída tanto en multitarefa como en xogos e apps habituais.

A súa pantalla LCD de 6,74 polgadas ofrece resolución 720p+ e taxa de refresco de 90 Hz, ideal para navegar polas redes sociais, reproducir vídeo en streaming ou xogar con boa suavidade visual.

A súa batería de 6000 mAh promete até dous días de uso normal, apoiada por carga de 15 W. Conta coa calificación de eficiencia enerxética Clase A da UE, con até 65 horas e 25 minutos de autonomía. Ademais, mantén máis do 80 % da capacidade tras 1.000 ciclos de carga.

No apartado fotográfico, atopamos que realme Note 70T equipa unha cámara principal de 13 MP optimizada para fotografía diaria e gravación de vídeo en 1080p, mentres que a cámara frontal de 5 MP é perfecta para selfies e videochamadsa. Un detalle diferenciador é o LED de notificación en forma de anel luminoso arredor do módulo da cámara, que avisa de mensaxes ou alertas coa pantalla apagada.

En canto á resistencia, presume de certificación IP54 contra po e salpicaduras e superou as esixentes probas militares MIL-STD-810H, soportando golpes, vibracións e temperaturas extremas.

Dispoñibilidade e prezo

O realme Note 70T xa está dispoñíbel en diversas tendas online en Obsidian Black e Beach Gold, con dúas configuracións:

  • 4 GB + 128 GB: 109,99 €
  • 4 GB + 256 GB: 119,99 €

Un terminal resistente, con gran batería e prezo accesíbel que se posiciona como unha das opcións a considerar na gama de entrada neste 2025.

Este artigo contén enlace de afiliados. Se mercas o dispositivo, a ti sáeche ao mesmo prezo, e nós recibimos unha pequena comisión que nos axuda a manter este proxecto.

Sobre o autor

Reply