A rede móbil de Yoigo apágase tras dúas décadas de actividade

A histórica rede móbil de Yoigo di adeus definitivamente. Logo de máis de vinte anos en funcionamento, MásOrange (a compañía resultante da fusión entre MásMóvil e Orange culmina o proceso de apagado das máis de 11.000 antenas que Xfera Móviles chegou a ter activas baixo a marca Yoigo.

Este movemento pon fin a unha etapa singular no mercado das telecomunicacións no Estado español, na que Yoigo pasou de ser a cuarta rede móbil estatal a integrarse nun proxecto de maior escala, no que a prioridade é a eficiencia operativa e a redución de custos.

O proceso de apagado: menos de 500 nodos activos

En 2022, Yoigo chegou a ter preto de 12.000 nodos activos, unha cifra que aínda quedaba lonxe das redes de Orange, Vodafone ou Telefónica, mais que lle permitía manter unha cobertura aceptábel para a súa clientela, complementada cun acordo de roaming local con Movistar.

A comezos deste 2025, aínda permanecían en funcionamento uns 7.400 nodos segundo datos de InfoAntenas, mais o número caeu de forma drástica nos meses seguintes: en abril quedaban 6.300 e, a mediados de agosto, apenas 464 antenas seguían operativas, a maioría delas concentradas en Barcelona e na banda de 1800 MHz. O final definitivo da rede é xa cuestión de días.

Unha rede con historia

A historia de Yoigo arrinca no ano 2000, cando Xfera Móviles obtivo frecuencias na banda de 2100 MHz para ofrecer servizos 3G. Non foi até o 2006 cando conseguiu poñer en marcha a súa rede comercial baixo a marca Yoigo, tras superar numerosos atrancos iniciais.

Un dos fitos máis destacados chegou en 2013, cando se converteu no primeiro operador en lanzar 4G en España. Porén, a súa rede sempre funcionou cun ancho de banda limitado, xa que só puido aproveitar 10 dos 14,8 MHz obtidos na banda de 1800 MHz, o que reducía a súa velocidade fronte á competencia.

En 2016, MásMóvil adquiriu Yoigo, reforzando a súa rede con frecuencias adicionais en 2600 e 3600 MHz procedentes de Neutra e, máis tarde, de Euskaltel. Ese camiño culminou coa recente fusión con Orange, que deu lugar a MásOrange. Tras a integración, parte das frecuencias herdadas foron vendidas a Digi, mentres que outras foron devoltas ao Estado para cumprir cos límites legais.

O apagado da rede Yoigo marca o fin dunha das aventuras máis singulares do sector: un operador que chegou a revolucionar o mercado coa súa oferta de prezos baixos e unha identidade propia, mais que co paso dos anos quedou absorbido pola consolidación do sector.

A partir de agora, as usuarias de Yoigo e de outras marcas do grupo seguirán funcionando sobre a rede unificada de MásOrange, que aspira a ofrecer maior cobertura, velocidade e eficiencia.

Sobre o autor

Reply