O fabricante chinés Honor presentou oficialmente o seu novo smartphone de gama de entrada, o Honor Play 10C, un dispositivo que destaca por ofrecer unha pantalla fluída, batería de gran capacidade e un prezo moi axustado. Aínda que está pensado para quen busca algo sinxelo e económico, inclúe detalles que normalmente non se ven neste segmento.
Honor Play 10C: principais características
O Honor Play 10C monta unha pantalla LCD de 6,61 polgadas cunha resolución de 720 x 1604 píxeles e un brillo máximo de 1010 nits, ideal para usar en exteriores. O seu punto máis destacado é a taxa de refresco de 120 Hz, que ofrece animacións e desprazamentos moito máis suaves que outros móbiles da súa gama.
No seu interior leva o procesador MediaTek Dimensity 6300, suficiente para o uso diario, navegación, redes sociais e algunha partida ocasional. Chega con Android 15 e a capa MagicOS 9.0, que incorpora un deseño moderno e funcións actualizadas.

Na parte traseira incorpora unha cámara principal de 13 MP con apertura f/1.8, pensada para fotografías en boas condicións de luz. Na parte frontal, a cámara para selfies é de 5 MP con apertura f/2.2, suficiente para videochamadas e fotos ocasionais.
Un dos grandes puntos fortes do Play 10C é a súa batería de 6000 mAh, capaz de ofrecer até dous días de autonomía dependendo do uso. A carga é de 15 W por cable, non moi rápida, pero suficiente para manter o dispositivo operativo con recargas ocasionais.
Dispoñibilidade e prezo
O Honor Play 10C xa se pode mercar en China, onde está dispoñíbel en tres cores: azul, branco e negro. Pódese adquirir a través da tenda en liña oficial de Honor, en tres configurcións
- 4 GB RAM + 128 GB: uns 80 €
- 6 GB RAM + 128 GB: uns 90 €
- 8 GB RAM + 256 GB: uns 110 €
Por agora, non hai confirmación oficial sobre o seu lanzamento fóra de China, pero polo seu prezo e especificacións podería ser unha opción moi atractiva para mercados emerxentes ou para quen precise un segundo dispositivo de longa autonomía.
