SpaceX prepara unha nova modalidade para facer que Starlink sexa máis accesíbel e atractivo en zonas residenciais: unha única antena para varios abonados, cada un coa súa propia conta e conexión illada, pero compartindo a mesma antena.
O programa, chamado Comunidade Starlink (Starlink Community), xa apareceu brevemente na web oficial antes de ser retirado, e todo apunta a que se lanzará de forma gradual a través de revendedores autorizados.
Un único equipo, múltiples usuarias
En lugar de ter que instalar unha antena por cada vivenda, algo pouco práctico e pouco estético en edificios de pisos, un único equipo Starlink (antena e router) distribúe a conexión a varios fogares mediante unha rede Ethernet.
A este router central conéctase un switch, que reparte o sinal a cada vivenda. E nela, cada abonado debe ter o seu propio router Wi-Fi, con rede local illada para manter a privacidade.

Ao compartir o caudal da antena, a velocidade real dependerá do número de usuarias e do uso que fagan da rede. Non obstante, é posible que Starlink dea a esta modalidade unha prioridade de tráfico similar á súa oferta empresarial, garantindo unha experiencia máis estábel que nos plans domésticos convencionais.
En calquera caso, a clave deste novo produto está no papel do anfitrión da comunidade, que será a persoa encargada de adquirir, instalar e manter o kit Starlink. Será tamén quen teña que dar de alta ás novas subscritoras e resolver as incidencias técnicas que se poidan ter no día a día. Como incentivo, Starlink pagará comisións ao anfitrión por cada veciño que se una ao servizo.
Prezo e posicionamento
Segundo a información publicada, a cota mensual para a modalidade Community sería de 60 dólares ao mes, máis barata que o plan Residential Lite (80 $/mes) e que o plan Residential estándar (120 $/mes).
Aínda que SpaceX non confirmou a dispoñibilidade por países, fontes apuntan a que podería implantarse primeiro fóra de EE. UU. e Canadá, en mercados onde Starlink busca gañar clientes baixando prezos.
