Celebramos o Día Mundial do Videoxogo con dúas startups galegas: Nocturnia Studios e Under Castle

Hoxe celebramos o Día Mundial do Videoxogo (ou Día da/o Gamer), unha conmemoración xurdida no 2008 por parte das principais revistas especializadas do mercado. Nesta edición, quixemos achegarnos a este sector da man de dúas startups galegas: Nocturnia Studios (Chantada, Lugo) e Under Castle (A Coruña). Ambas forman parte do Start IN Up Program, a iniciativa de emprendemento e incubación impulsada por Madrid in Game, que ofrece durante seis meses mentorías, formación e apoio estratéxico a novos estudos de desenvolvemento.

Falamos cos seus responsábeis para coñecer en detalle os seus proxectos, a súa visión do sector e os retos que enfrontan mentres sementan futuro para a industria do videoxogo galego.

Under Castle: a arte como eixo creativo

Desde A Coruña e Pontevedra, Under Castle está formado por Carolina Nickelle, Sara Romero, Silvia Fernández e Diego Vilariño. O equipo leva traballando conxuntamente desde 2018, pero non foi ata 2024 cando lanzaron o seu primeiro xogo comercial en Steam: Gelatina is Hungry, que acadou recoñecementos como o Premio á Mellor Arte nos OUFF 2024.

A súa CEO, Carolina Nickelle, destaca a chegada do Grao de Creación Dixital, Animación e Videoxogos da Universidade da Coruña (no que se graduaron a propia Carolina, Silvia e Sara) como punto de inflexión para adqurir coñecementos e habilidades, así como para comezar a participar en game jams como paso previo ao lanzamento comercial do seu primeiro xogo comercial.

Agora, o equipo está inmerso nun proxecto moi diferente, que parte dunha idea clara: poñer a arte no centro da experiencia. Tal e como nos explica Carolina: “Estamos traballando nun xogo de simulación cozy centrado no proceso creativo e o significado da arte. Un xogo único sobre a creación e reparación de vidreiras: unha arte con centos de anos de historia que nunca vimos ser o foco nun videoxogo”.

As influencias do equipo son variadas, e inclúen títulos como What Remains of Edith Finch, A little to the left ou There Is No Game, pero tamén moito máis persoais. “O que máis inflúe en nós é a arte que vemos nas nosas redes sociais e Internet, múltiples artistas con estilos, significados e vidas moi diferentes que nos inspiran no noso día a día: este xogo vai sobre eles”, destaca Carolina.

O seu día a día está marcado pola organización e a eficiencia, a pesar das limitacións. “Facemos reunións diarias, establecendo tarefas semanais seguindo un diagrama de Gantt creado por nós. Non podemos traballar a tempo completo, pero empregamos ben o tempo que temos”.

Do seu actual proxecto un dos grandes retos é a súa envergadura. “É un xogo diferente e máis grande que o noso primeiro xogo. Algunhas cousas dannos máis dores de cabeza pola falta de experiencia, pero a pesar das dificultades, ten unha parte de emoción afrontar as cousas novas”.

Con todo, o maior desafío é a falta de financiamento. “A nosa paixón polo medio e a creación impúlsanos a seguir e non rendernos, pero é un reto que nos pesa moito emocionalmente. Estamos en busca de financiamento, e os obstáculos financeiros son un reto moi duro de afrontar”, sinala a CEO:

Para Under Castle, o Start IN Up Program supón unha oportunidade clave para avanzar. “Estamos a aproveitar moito as mentorías online con profesionais da industria e expertos en diversas materias, e un dos grandes beneficios é que cubren os gastos de participación nas maiores feiras de videoxogos tanto a nivel nacional como europeo”.

Agora o seu obxectivo máis cercano é terminar a vertical slice; isto é o primeiro nivel coa calidade final, un dos fitos a cumplir no seuprimeiro batch con Madrid in Game. A partir de aí, o equipo centrarase na busca de financiamento e publisher, para poder constituírse a medio prazo como estudo en Galiza.

Nocturnia Studios: a escuridade estilizada de Zenith

Desde Chantada, Lugo, pero cun equipo de desenvolvedores e artistas distribuído por España e o estranxeiro, Nocturnia Studios naceu da paixón compartida polos videoxogos e a vontade de crear experiencias inmersivas cunha forte identidade artística.

O equipo traballa actualmente en Zenith, un action RPG con ambientación gótico-vitoriana. O seu CEO, Iñaki Muñoz, defíneo así: “O noso proxecto actual é Zenith, un action RPG de ambientación gótico-vitoriana e estética estilizada. Destaca por combinar un combate profundo pero accesible, con mecánicas como o parry e o uso de habilidades máxicas, ofrecendo unha experiencia que atrae novos xogadores ao xénero souls-like pero mantendo o reto para os veteranos”.

As súas influencias beben de referentes claros: “Sekiro, polo seu sistema de combate preciso; Darksiders, pola súa exploración e habilidades especiais para acceder a novas zonas; e Bloodborne, pola súa atmosfera escura e opresiva. A nivel artístico, inspirámonos no estilizado detallado de Wayfinder, pero cun ton máis gótico e sombrío”.

O traballo remoto obrígaos a unha organización meticulosa. “Traballamos de forma colaborativa e remota, organizándonos en sprints semanais. Un dos maiores retos técnicos é integrar animacións e mecánicas de combate co nivel de fluidez que buscamos. No narrativo, o desafío é entrelazar a historia principal coas pequenas narrativas ambientais que o xogador descobre explorando”, sinala Iñaki.

Para Nocturnia Studios, o paso polo Start IN Up Program tamén está sendo decisivo. “O programa estanos a axudar a estruturar mellor o proxecto a nivel de negocio, conectarnos con potenciais publishers e reforzar o noso plan de financiamento. Grazas a isto, podemos orientar mellor o desenvolvemento para facelo máis viable e atractivo no mercado internacional, ademais de podermos asistir a eventos clave como a Gamescom deste ano”.

De cara ao futuro, teñen un obxectivo claro: “a curto prazo, estamos preparando unha demo que publicaremos en Steam para que os xogadores poidan probar Zenith. A medio prazo, buscamos pechar un acordo cun publisher para entrar en produción completa e ampliar o equipo, mantendo sempre o enfoque artístico e narrativo”.

Galiza, talento en crecemento

Tanto Under Castle como Nocturnia coinciden nun diagnóstico: en Galiza hai moito talento, pero aínda faltan estruturas sólidas de apoio.

Carolina destaca que “hai moito talento e ganas, pero falta coñecemento por parte dalgúns organismos públicos sobre o sector, o que dificulta a creación de industria en Galiza. É importante dar visibilidade a estes problemas, xa que cada vez hai máis xente motivada e formada que se atopa cun sector que non está o suficientemente preparado para traballar aquí”.

Desde Nocturnia, Iñaki tamén ve unha oportunidade de mellora. “Vemos un crecemento importante de talento e proxectos, pero aínda falta apoio estruturado e visibilidade. Gustaríanos ver máis programas de financiamento específicos, redes de colaboración e eventos que conecten estudos galegos co mercado global”.

“Asociacións coma Videoxogo.gal e a xente detrás do Atlantic Games Conference (impulsado polo Concello de Carballo) traballan duro para mellorar a situación, e gustaríanos que estes esforzos deran os seus froitos no futuro”, conclúe Carolina.

Proxectos comos os liderados por Carolina Nickelle e Iñaki Muñoz, amosan que Galiza ten canteira e ambición para xogar un papel relevante no sector. Under Castle e Nocturnia Studios representan dúas caras dunha mesma moeda: proxectos artísticos, arriscados e con identidade propia que, coa axuda de programas como Madrid in Game, buscan consolidarse e demostrar que desde o noso país tamén se poden crear videoxogos con impacto internacional.

Sobre o autor

Reply