realme revolucionou o móbil no Fan Festival 828: batería de 15.000 mAh e Chill Fan Phone

O pasado 28 de agosto, coincidindo co seu sétimo aniversario, realme volveu sorprender cunha dupla innovación que promete redefinir a experiencia móbil para as máis de 300 millóns de usuarias que o fabricante ten todo o mundo. No marco do Fan Festival 828, a marca presentou dúas tecnoloxías pioneiras: unha batería de ultra alta densidade de 15.000 mAh e o novo Chill Fan Phone, un smartphone con refrixeración activa integrada.

Batería de 15.000 mAh: autonomía para días

A nova batería Ultra-High-Density de 15.000 mAh marca un fito na industria. Grazas á tecnoloxía de ánodo de silicio ao 100 %, pode acadar unha densidade enerxética de 1.200 Wh/L, a máis alta rexistrada ata o momento nun smartphone.

Isto significa un importante avance, que permitirá ofrecer até 4 días de uso medio sen cargar, ou equivalentemente 18 horas de gravación de vídeo continua ou 53 horas de reproducións multimedia sen interrupcións.

Unha innovación que responde directamente ás necesidades das usuarias máis activas, que demandan liberdade real sen depender constantemente dun enchufe, como ocorre cos dispositivos actuais.

Chill Fan Phone: refrixeración interna para gamers

O segundo gran anuncio foi o realme Chill Fan Phone, o primeiro móbil do mercado con ventilador interno e sistema de refrixeración termoeléctrico (TEC). Esta tecnoloxía, inspirada nos sistemas de aire acondicionado, permite reducir a temperatura do núcleo do dispositivo ata en 6 °C durante o uso intensivo.

Isto supón unha mellora importante para xogadoras e creadoras de contido, xa que permite manter o rendemento estábel en xogos esixentes e evita caídas de fotogramas e sobrequecementos, o que se traduce en longas sesións de xogo sen comprometer a experiencia.

Pensando na xeración conectada

realme asegura “entender os hábitos da mocidade”, que pensan en streaming, gaming, viaxes e creación de contido. Estas dúas innovacións presentadas no Fan Festival 828 nacen desa comprensión e buscan ofrecer solucións reais aos problemas máis comúns, como a batería ou o sobrequecemento.

Con esta aposta, realme quere reafirmarse como a marca “máis cool” do panorama móbil, celebrando sete anos de evolución que os levaron desde ser unha startup a un referente global.

Sobre o autor

Reply