GridLink chega a Europa: a nova solución de recarga de XCharge con batería integrada e seguridade avanzada

XCharge Europe presentou oficialmente GridLink, o seu sistema de recarga de vehículos eléctricos con batería integrada, durante a Intercharge Network Conference (ICNC) celebrada en Berlín. Tras o seu debut en Norteamérica, a tecnoloxía chega agora ao mercado europeo adaptada ás normativas da UE e cunha proposta que combina eficiencia, seguridade e integración enerxética.

Un sistema de carga ultrarrápida con batería LFP patentada

No corazón de GridLink atópase unha batería de fosfato de ferro e litio (LFP) de 215 kWh, desenvolvida e patentada por XCharge. Esta batería permite ofrecer ata 194 kW de potencia de carga en corrente continua, precisando só 44 kW de entrada en corrente alterna desde a rede. Esta eficiencia convértea nunha solución ideal para instalacións con capacidade limitada ou onde non é viable mellorar a infraestrutura eléctrica.

A unidade é escalábel até 430 kWh e pode operar de forma independente durante apagóns, garantindo continuidade no servizo. Ademais, incorpora unha pantalla de 55 polgadas que serve como interface para as usuarias e como soporte dinámico para publicidade.

Integración fotovoltaica, almacenamento intelixente e seguridade

GridLink permite a integración directa con sistemas fotovoltaicos, canalizando a enerxía solar cara á recarga rápida sen interrupcións. Esta funcionalidade é especialmente útil en instalacións onde a devolución de electricidade á rede non resulta rendíbel, ofrecendo así unha alternativa eficiente e sustentable para aproveitar a xeración in situ.

Un dos puntos fortes de GridLink é a súa aposta pola seguridade. O sistema incorpora refrixeración líquida, cunha superficie de disipación de calor 2,38 veces superior aos deseños estándar, mantendo a temperatura estábel en 37 °C mesmo en condicións extremas.

Cada módulo de batería conta con catro sensores para a detección temperá de riscos e un sistema de ventilación automatizado que dispersa gases inflamables antes de que alcancen niveis críticos. Ademais, GridLink é pioneiro ao integrar o primeiro depósito de líquido extintor do mundo dentro da estrutura do cargador, permitindo unha extinción rápida e minimizando os danos.

Mantemento simplificado e conectividade total

O deseño de GridLink facilita o mantemento, requirindo só dous técnicos para as tarefas de rutina. En canto á conectividade, é compatíbel cos estándares OCPP 1.6J e 2.0.1, e pode conectarse mediante GSM, LTE ou LAN, garantindo unha integración fluída cos sistemas existentes.

Sobre o autor

Reply