Tras meses de filtracións que desvelaron tanto a súa folla de especificacións como o seu deseño, Samsung presentou ao fin o Galaxy S25 FE, a opción máis equilibrada da serie Galaxy S25. Un dispositivo que destaca polas súas opcións de intelixencia artificial, unha cámara que sube o nivel e unha batería que promete maior duración.
A porta de entrada á era Galaxy AI
Como fixeron os seus predecesores FE (Fan Edition), o Samsung Galaxy S25 FE chega para achegar a un público máis amplo as prestacións da gama alta. No caso do 25 FE, falamos principalmente das ferramentas de Galaxy AI, integradas en One UI 8. Este modelo convértese así nunha “porta de entrada” ao ecosistema premium da marca, ofrecendo axentes de IA multimodais, que permiten a interacción natural mediante voz, texto e visión e Gemini Live, para conversas contextuais en tempo real.
Ademais, o novo Galaxy tamén inclúe Now Bar e Now Brief, que ofrecen información personalizada en pantalla de bloqueo e resumos diarios, así como Circle to Search con Google, unha ferramenta que axuda a atopar o que aparece na pantalla sen interromper o que esteamos a facer.
Todo isto reforzado por Knox Enhanced Encrypted Protection (KEEP), un sistema de seguridade mellorado que garante a privacidade e o control total dos datos.

Cámara con IA
O novo Galaxy S25 FE aposta forte pola fotografía, incluíndo unha cámara traseira tripla, conformada por un sensor gran angular de 50 MP con OIS, outro ultra gran angular de 12 MP (123°) e un teleobxectivo de 8 MP con zoom óptico 3x. O sistema complétase cunha cCámara frontal de 12 MP con motor ProVisual Engine para conseguir uns autorretratos máis nítidos.
En canto ás funcións destacadas temos Nightography mellorada, con redución de ruído en condicións de baixa luz, e o Vídeo Super HDR con cores realistas e maior contraste. A estas hai que sumar as funcións intelixentes de edición, que inclúen:
- Edición xerativa: elimina distraccións e reenche fondos automaticamente.
- Cámara lenta instantánea cun só toque.
- Borrador de audio, que permite reducir ruídos en vídeos (vento, xente, música).
- Estudo de retratos, con avatares realistas e edición avanzada.
Galaxy S25 FE: principais características
O Galaxy S25 FE mantén o deseño refinado da serie S25 cun corpo lixeiro e fino (7,4 mm, 190 g), e inclúe unha pantalla Dynamic AMOLED 2X de 6,7” con resolución FHD+ e taxa de refresco de 120 Hz. Dela destaca especialmente o sistema Vision Booster, que mellora a visibilidade en exteriores.
No seu interior, Samsung equipou o S25 FE co procesador Exynos 2400 (4 nm), xunto con ata 8 GB de RAM e opcións de 128, 256 e 512 GB de almacenamento. Por suposto tamén inclúe NFC para pagos móbiles, eSIM e certificación IP68, que o fai resistente ao po e auga.
A súa batería é de 4.900 mAh, con carga rápida de 45W (65% en 30 minutos), carga sen fíos e Wireless PowerShare para compartir enerxía con outros dispositivos. Tamén destaca a integración dun sistema de refrixeración mellorado, cunha cámara de vapor un 10% máis grande.
Galaxy S25 FE: dispoñibilidade e prezo
O Samsung Galaxy S25 FE xa está dispoñíbel, e ao mercalo inclúe 6 meses do plan Google AI Pro con acceso a Gemini, Flow e NotebookLM.
Pódese adquirir en catro cores (azul mariño, azul glacial, negro intenso e branco), cun prezo de partida de 759 € para a versión de 128 GB. O modelo con 256 GB custa 819 €, e o de 512 GB sube até os 939 €.
O Galaxy S25 FE convértese así na opción perfecta para quen quere tecnoloxía insignia a un prezo máis accesíbel, sen renunciar á innovacións en campos como a IA ou a fotografía avanza, democratizando a experiencia Galaxy AI.
