Luna 2.0 Smart Ring: o anel intelixente que redefine a saúde e o benestar con IA

O sector dos wereables de saúde dá un salto adiante co lanzamento global do Luna 2.0 Smart Ring, presentado no IFA Berlín 2025. Este dispositivo chega cunha promesa clara: deixar atrás os simples medidores de actividade para converterse nun compañeiro intelixente que interpreta a túa saúde en tempo real grazas a LifeOS, unha capa de intelixencia artificial deseñada para optimizar rendemento, recuperación e benestar a longo prazo.

O Luna 2.0 xa está dispoñíbel a nivel mundial a un prezo de 300 € (ou 329 € coa funda de carga rápida). A compañía asegura ter recibido pre-encomendas en máis de 70 países, e o dispositivo estará dispoñíbel tamén en Amazon a partir do próximo mes.

LifeOS: moito máis ca un medidor de saúde

A grande novidade do Luna 2.0 é LifeOS, un sistema de intelixencia viva que integra biometría, hábitos persoais, patróns circadianos e datos contextuais para ofrecer recomendacións personalizadas e adaptativas. Non se limita a amosar números: interpreta como interactúan o corpo, a mente e o entorno para ofrecer guía en tempo real.

Entre as súas principais capacidades destacan o aliñamento circadiano (aprende o teu reloxo biolóxico para identificar os teus picos de rendemento), a intelixencia contextual (adapta as recomendacións ao teu estilo de vida e rutinas) e IA adestrada a gran escala. De feito, LifeOS foi desenvolvido con máis de 1.000 millóns de eventos de sono, converténdose na capa de intelixencia máis robusta en aneis intelixentes.

En canto á autonomía, ofrece até 21 días, unha das máis longas do mercado, complementando a propia batería como a incluída grazas ao novo estoxo de carga.

Saúde e rendemento potenciados con IA

O Luna Ring 2.0 aposta por un benestar máis intelixente, con métricas avanzadas e un asistente de IA mellorado, capaz de ofrecer puntuacións en tempo real de sono, actividade e preparación, con recomendacións personalizadas para mellorar descanso e rendemento.

Tamén temos o asistente Luna AI 2.0, máis conversacional e proactivo, que ofrece consellos prácticos sobre sono, movemento e xestión da enerxía; así como un rexistro de actividade avanzada, con control de zonas de frecuencia cardíaca, calorías queimadas e niveis de esforzo en deportes como correr, ciclismo ou adestramentos libres.

Outra das súas funcionalidades destacadas é o seguimento de fertilidade, mediante detección de cambios fisiolóxicos no ciclo menstrual para ofrecer insights personalizados, ou a xestión do estrés, detectando patróns a través da frecuencia cardíaca, temperatura e recuperación.

Para as persoas máis deportistas, o Luna Ring 2.0 ofrece adestramento intelixente, equilibrando esforzo e recuperación para mellorar a forma física sen risco de sobrecarga. E, como non podía faltar nun dispositivo destas características, temos análise avanzada do sono, con métricas sobre latencia, eficiencia, ciclos circadianos, respiración e interrupcións nocturnas.

Dispoñibilidade global e aposta polo mercado europeo

Tras ser presentado como concepto no CES 2025, o IFA Berlín marcou a posta de longo internacional do Luna 2.0, con especial foco no mercado europeo. A compañía confirma que o dispositivo contará con rede de distribución global para reducir prazos de entrega e ofrecer mellor servizo posvenda.

Como xa avanzamos, o Luna 2.0 Smart Ring custará 300 €, ou 329 € no caso de optar pola opción con funda de carga rápida.

Sobre o autor

Reply