Project Kuiper: o internet satelital de Amazon supera o 1 Gbps nas primeiras probas

Amazon leva tempo preparando o seu servizo de Internet global por satélite co Project Kuiper, unha proposta coa que o xigante tecnolóxico busca levar banda larga accesíbel a calquera recuncho do planeta. E as primeiras probas non puideron ser máis prometedoras: o proxecto acadou unha velocidade de descarga de 1.289 Mbps, superando incluso a Starlink, a solución satelital de Space X (Elon Musk).

Un proxecto que colle forza

O desenvolvemento de Project Kuiper comezou en 2018 e en 2020 Amazon obtivo a autorización da FCC para despregar a súa constelación de satélites en órbita terrestre baixa (LEO).

En 2023 lanzáronse os dous primeiros prototipos e en 2025 a compañía de Jeff Bezos xa ten en órbita máis de 100 satélites, situados a uns 630 quilómetros da Terra. O obxectivo final é acadar os 3.236 satélites, que permitirán ofrecer cobertura global cunha conexión de alta velocidade.

A primeira proba: 1.289 Mbps de descarga

O propio director de Project Kuiper, Rajeev Badyal, compartiu en LinkedIn un vídeo no que se ve unha proba de velocidade realizada con Ookla Speedtest. O resultado sorprendeu, cunha velocidade de descarga de 1.289 Mbps.

Cómpre puntualizar que esa cifra se acadou co terminal empresarial de Kuiper, deseñado para soportar até 1 Gbps. O terminal estándar, que estará dispoñíbel para usuarias particulares, ofrecerá velocidades máximas de 400 Mbps, unha cifra máis próxima ao rendemento das antenas de Starlink.

Aínda non está dispoñible comercialmente

Malia estes primeiros resultados, Project Kuiper aínda non está dispoñíbel para clientes finais. As probas actuais realízanse en condicións controladas e sen a carga real que supón ter milleiros de usuarias conectados ao mesmo tempo.

Con todo, estas demostracións anticipan un futuro no que a conectividade satelital competirá directamente coas redes de fibra e 5G, sobre todo en zonas rurais ou de difícil acceso onde as infraestruturas tradicionais non chegan.

En 2024, Amazon obtivo a autorización do Goberno español para operar con Project Kuiper no noso país. Isto significa que, unha vez estea plenamente operativo, competirá con Starlink (Elon Musk) e Hispasat, ampliando a oferta de internet satelital e favorecendo prezos máis accesíbeis.

Así pois, a chegada de Project Kuiper promete democratizar o acceso a internet de alta velocidade, ofrecendo unha alternativa real ás redes fixas e móbiles actuais. Cun plan ambicioso de despregamento e velocidades que xa superan o 1 Gbps, Amazon perfílase como un xogador clave no futuro da conectividade global.

Sobre o autor

Reply