LG gram Pro 2025: potencia gráfica e ultralixeireza pensando en gamers e creadoras

Tras o paso polo IFA de Berlín, LG presentou os novos LG gram Pro 2025, dispoñíbeis en versións de 16 e 17 polgadas (modelos 16Z90TR e 17Z90TR). Dous equipos que combinan a recoñecida lixeireza da serie LG gram coa potencia da nova tarxeta gráfica NVIDIA GeForce RTX 5050 e a innovadora tecnoloxía gram AI, ofrecendo unha experiencia inmersiva pensada especialmente para xogadoras como para profesionais da creación de contido.

Portátiles para gaming e creación sen límites

A incorporación da RTX 5050 sitúa os LG gram Pro como portátiles todoterreo, capaces de mover títulos AAA como Cyberpunk 2077, GTA V, God of War Ragnarök ou futuros lanzamentos esixentes como Metal Gear Solid Delta ou Battlefield. Grazas a tecnoloxías como DLSS 4, mellórase a taxa de fotogramas, o rendemento adáptase segundo a carga do sistema e conséguese un equilibrio perfecto entre fluidez e calidade visual.

Pero non só están pensados para xogar. A súa potencia gráfica fai destes portátiles unha ferramenta clave para edición de vídeo, modelado 3D ou animación, garantindo velocidade e estabilidade en proxectos complexos.

gram AI: produtividade asistida por intelixencia artificial

A tecnoloxía gram AI combina solucións locais e na nube para maximizar a produtividade. Coa función gram Chat On-Device, pódense realizar tarefas rápidas e seguras sen conexión a internet, con utilidades como Time Travel (recuperación de estados previos de traballo) ou AI Search (localización de texto en documentos e imaxes).

Por outra banda, gram Chat Cloud, baseado en GPT-4o, ofrece respostas creativas e precisas a consultas máis complexas, convertendo os LG gram Pro nunha ferramenta versátil tanto para traballo como para estudo.

Lixeireza extrema con autonomía prolongada

Un dos puntos fortes segue sendo a portabilidade: o modelo de 16 polgadas pesa só 1,36 kg e o de 17 polgadas 1,47 kg, cifras que os sitúan como os máis lixeiros da súa categoría con este nivel de rendemento gráfico.

Ademais, contan cunha batería de 90Wh que ofrece até 27 horas de autonomía no modelo de 16 polgadas e até 25 horas no de 17 polgadas, xunto a un sistema de refrixeración dual para manter o rendemento estábel mesmo en sesións longas de traballo.

O seu chasis ultrafino de magnesio e nano carbono garante resistencia tras superar sete probas militares MIL-STD-810H, soportando golpes e condicións extremas.

Pantalla e procesadores

Os novos LG gram Pro montan pantallas WQXGA (2560 x 1600) cunha taxa de refresco de 144 Hz, ideais tanto para gaming como para edición audiovisual. O apartado multimedia complétase cun sistema de son 4-way Dual Speaker, con graves un 80% máis profundos, que mellora a experiencia en películas, música e xogos.

No seu interior, os portátiles están impulsados polos Intel Core Ultra H-Series (Arrow Lake), optimizados para computación asistida por IA, o que garante unha experiencia máis rápida e fluída en calquera escenario. Veñen con 32 GB de memoria RAM e 1 TB de SSD para almacenaxe de datos, e en canto á conectividade, destacan o WiFi 7 e Bluetooth 5.4.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos LG gram Pro 2025 xa están dispoñíbeis nos puntos de venda habituais da marca no noso país, así como tamén en LG.com. Pódense adquirir promocionalmente por 2244 € (16 polgadas) ou 2287 € (versión 17 polgadas).

Sobre o autor

Reply